PROTESTAS

Liberdade con 6.000 euros de fianza para a sindicalista da CGT encarcerada por queimar cartóns diante da Bolsa de Barcelona

Laura Gómez, secretaria de organización da CGT na cidade condal, cumpría prisión preventiva imputada por cargos que suman até 20 anos de cárcere. Prendérona despois de participar nunha acción na que se queimou, de maneira controlada, unha caixa de cartón con papeis dentro, simulando cartos

A Audiencia Provincial de Barcelona comunicou nesta terza ao sindicato CGT que porá en liberdade baixo fianza de 6.000 euros a Laura Gómez, secretaria de organización desta central na cidade condal que cumpría prisión preventiva imputada pola comisión de actos violentos cometidos durante a folga xeral do 29M que sumaban até 20 anos de cárcere.

O día 29 pola mañá Laura Gómez participou nunha acción fronte á Bolsa de Barcelona. Tal e como estaba acordado pola organización, @s manifestantes queimaron de forma controlada unha caixa de cartón con papeis dentro, unha performance que simbolizaba a queima de diñeiro. No marco desta acción, sen que estivese previsto, tamén se produciu a rotura dos cristais da porta da Bolsa de Barcelona. 

Segundo confirmou a secretaría de prensa deste sindicato en Barcelona, a organización recadou máis de 20.000 euros na campaña de solidariedade con Laura Gómez. As compañeiras e compañeiros da sindicalista coñeceron a noticia cando se concentraban fronte á Audiencia Provincial de Barcelona, onde pedían a súa posta en liberdade. Despois dirixíronse ás portas do Parlament de Cataluña, onde estaba prevista a comparecencia do conseller de Interior, Felip Puig, para explicar o dispositivo policial empregado na represión da folga do 29 de marzo en contra da reforma laboral. Segundo informa CGT, "nun acto de covardía" Puig decidiu atrasar a súa comparecencia alegando a súa asistencia aos traballos de extinción dun incendio en Barcelona.

Sobre Gómez pesaban cargos de incendio, danos, coaccións, desordes públicas e delito contra os dereitos fundamentais, acusacións polas que o xulgado de instrución número 23 de Barcelona decretou a súa prisión preventiva o 25 de abril. A sindicalista non foi identificada nin detida por acto algún durante o 29M e a súa detención produciuse no seu lugar de traballo. Segundo os colectivos en apoio á sindicalista, o encarceramento de Gómez obedeceu a presións políticas sobre a fiscalía e o xulgado, dado que a acusada non tiña antecedentes, dispón de traballo fixo e é nai dunha menor, motivos polos que non cabía esperar o risco de fuga.

Máis en Països Catalans
Comentarios