Junts pel Sí e CUP acordan o inicio do proceso para crear un estado independente

As dúas forzas rexistran no Parlament unha declaración conxunta aberta ao resto de partidos na que dan por iniciado o proceso cara á independencia de Catalunya.

Parlamento de Catalunya
photo_camera Parlamento de Catalunya

Os grupos parlamentares de Junts pel Sí e a CUP rexistraron esta terza feira no Parlament de Catalunya unha declaración conxunta na que inician o proceso para a creación “dun estado catalán independente en forma de república”. O documento, aberto a propostas e achegas do resto de formacións, será debatido e votado en pleno na Cámara catalá antes da sesión de investidura.

O acordo impulsado por JpS e a CUP consta de nove puntos. Parte de afirmar que o Parlament é o depositario da soberanía “e expresión do poder constituínte” e por tanto non se pode “supeditar ás decisións das institucións do Estado español”, nomeadamente “o Tribunal Constitucional”.

Se ben nesa declaración non se fai referenza a unha desobediencia, si que se fala de que o Estado español está “deslexitimado” en Catalunya, á vez que insta ao futuro goberno catalán a “cumprir en exclusiva aquelas normas ou mandatos emanados desta Cámara, lexítima e democrática, para blindar os dereitos fundamentais que poidan estar afectados polas decisións das institucións do Estado español”.

“Apertura dun proceso constituínte”

A declaración proclama a “apertura dun proceso constituínte cidadán, participativo, aberto, integrador e activo para preparar as bases da futura constitución catalá”. E dá un prazo de trinta días para comezar coa tramitación de leis do proceso constituínte, de seguridade social e de facenda pública.

Máis en Països Catalans
Comentarios