Junqueras cre que o Estado non autorizará a consulta aínda que gobernase Podemos

O líder de ERC apañou o fusil dialéctico no primeiro día do ano. Nunha entrevista con Europa Press, Junqueras mostrou a súa convicción de que Madrid nunca permitirá un referendo de independencia, gobernar o PP ou Podemos.

Oriol Junqueras, president de ERC [Imaxe: María Abelleira]
photo_camera Oriol Junqueras, president de ERC [Imaxe: María Abelleira]

O soberanismo catalán olla con preocupación a emerxencia de Podemos nos inquéritos. Cumpre lembrar que até se ten publicado un traballo demoscópico que colocaría a formación de Pablo Iglesias como primeira forza nunhas eleccións xerais. En principio, Podemos apaña votos de forma maioritaria nos caladoiros do PSC -ao PP aféctalle máis en Catalunya a fortaleza de Ciutadans-, mas tamén hai un sector de apoiantes de ERC que comezan a ollar cara á nova marca da esquerda española.

Consciente diso, Junqueras puxo no albo crítico Podemos na abertura do ano 2015. Destarte, e no que atinxe a cuestión catalá, o líder de ERC emparellou Podemos co resto das forzas políticas españolas: "Mandar quen mandar, o Estado sempre está en contra de que os cidadáns de Catalunya se expresen en liberdade  e en contra do exercicio da democracia", dixo Junqueras na súa conversa con Europa Press.

"Os cidadáns de Catalunya non necesitan o permiso de ninguén para decidir o seu futuro"

"Os cidadáns de Catalunya non necesitan o permiso de ninguén para decidir o seu futuro", alegou. Para Junqueras a irrupción de Podemos é normal, pois obedece ao estado de irritación que produce a xeneralizada corrupción política e a procura de "elementos de esperanza para facer limpeza" por parte da sociedade. Até confesou simpatía por Podemos o líder de ERC, mais enfatizou que as diferenzas entre eles son "moi relevantes", e notadamente en relación ao direito de Catalunya de proclamar a súa independencia.

Podemos ten manifestado en varias ocasións que defende o direito a decidir de Catalunya, as mesmas en que ten puntualizado que a súa opción é que o Principitat se manteña integrado no Estado español.

Na súa recente visita a Catalunya, Pablo Iglesias fixo unha defensa xenérica do direito a decidir, estendéndoo máis aló da cuestión soberanista.

Máis en Països Catalans
Comentarios