Junqueras condiciona a listaxe única soberanista a que Mas asuma a DUI

Mentres continúa o debate entre os partidos, a Generalitat pon en marcha a campaña institucional arredor da nova consulta do 9-N. VÍDEO NO INTERIOR.

junqueras

A posición de ERC a respeito da nova proposta de Artur Mas basicamente resúmese en dous elementos. Primeiro, o plano B do Govern -a consulta alternativa á suspendida polo Tribunal Constitucional- non convence a formación republicana, mas mesmo así están dispostos a apoialo para dar a oportunidade ao pobo a votar. E segundo, toda hipótese de facer parte con Convergència Democrática de Catalunya dunha listaxe única soberanista nunhas eventuais eleccións plebiscitarias haina necesariamente que condicionar a que Convergència garanta que, caso de vitoria, o novo Parlament proclamaría a independencia.

Na súa comparecencia, Mas referiuse a estas eleccións como o verdadeiro referendo, ao non poderen ser vetadas polo Estado español, mas en ningún momento aludiu a que a súa intención após os comicios fose ser declarar a independencia de Catalunya.

ERC pedirá garantías de que ese é o obxectivo final do bloco soberanista. A DUI tería de ser o frontispicio do programa eleitoral desa candidatura unitaria con CDC. Ninguén contempla a hipótese de a CUP estar nese pacto, dada a incompatabilidade radical que existe entre as perpectivas políticas dos cupaires e os converxentes.

"Custa chegar a acordos con quen sabes que non os vai cumprir", di Junqueras en alusión a Mas

Segundo informa ARA, a ERC non lle vale unha asunción retórica da DUI por parte de CiU. Exixirá que Convergència se comprometa a proclamar a DUI no mesmo momento en que o Parlamente xurdido das eleicións se constitúa. Convergència podería asumir a DUI mas sempre na hipótese de unha eventual negociación con Madrid vir a fracasar.

Esta terza feira, Oriol Junqueras, en conferencia de imprensa, mostrou a súa irritación con Mas: "Custa chegar a acordos con quen sabes que non os vai cumprir", un reproche dirixido ao presidente da Generalitat por non ter levado a consulta recorrida polo Estado ante o TC á súa estación final. "Até a segunda feira estabamos de acordo con realizar a consulta tal e como se pactara, mas ao final descolgáronse [dos termos pactados]", dixo Junqueras.

A demoscopia será decisiva

En calquer caso, a aceitación por parte de Mas das condicións políticas de Junqueras non é o único factor que determinará se finalmente CDC e ERC concorrerán nunha listaxe unitaria ás plebiscitarias. Tan importante como iso, ou talvez máis, será o que dite o oráculo demoscópico. Se ERC chega á conclusión de que perde votos indo coa formación de Mas, todo apunta a que optará por ir en solitario. A historia para CDC é distinta. Saben que sós non teñen nada que facer e que o bloco soberanista é neste momento a súa táboa de salvación para safar do desastre que lle prognostican os inquéritos. 

Comeza a campaña institucional

De por parte, o Govern xa deu comezo á campaña institucional arredor da consulta do 9-N cun vídeo en que se realiza un chamamento á populación para que vaia votar.

Máis en Països Catalans
Comentarios