BARóMETRO CEO

O independentismo aumentaría a súa representación no Parlament de se repetir as eleccións

O inquérito do Centre d'Estudis d'Opinió, dependente da Generalitat, vaticina que Junts pel Si manteríase mais a CUP aumentaría de 10 até 14/16 escanos.

parlament catalunya
photo_camera Parlament

De se realizar eleccións en Catalunya, a maioría independentista sería máis ampla que a actual, un incremento procedente do aumento en deputados da CUP, que pasaría dos 10 actuais a ter entre 14 e 16, podendo ser terceira forza, por diante de PSC, Catalunya si que es Pot e PP. Así se indica no barómetro do CEO, organismo dependente da Generalitat de Catalunya, feito en base a 2.000 entrevistas realizadas do 5 ao 27 de outubro. É dicer, en plena negociación entre as dúas forzas independentistas mais antes do pleno de investidura de Artur Mas e o 'non' da CUP.

Junts pel Si moveríase na representación actual (62 deputados), ao darlle a enquisa do CEO entre 61 e 63 de volver a facerse os comicios. Ciutadans manteríase como segunda forza, entre 24 e 26 escanos (ten 25). Como terceira forza podería irromper a CUP, con eses entre 14 e 16 representantes no Parlament, un posto que partillaría co PSC, que obtería 14 ou 15 (ten 16). Catalunya si que es Pot lograría, sempre en base a esta sondaxe, de 10 a 12 deputados (posúe 11) e o PP perdería representación. Dos seus 11 deputados actuais pasaría a ter entre 8 a 10.

Independentismo

No barómetro tamén se demanda ás persoas enquisadas que se posicionen sobre que votarían nun referendo independentista. Á pregunta 'Quere que Catalunya se converta nun estado independente'? O 47,8% responden 'Non' por un 46,7% que escollen 'Si'. Só un 3,9% opta polo 'non sabe' e un 1,7% polo 'non contesta'.

O 'Si' gaña terreo, pois, a respeito do barómetro de xullo, no que esta opción era a elixida polo 42% dos enquisados fronte o 50% de 'Non'

Os máis (e menos) valorados

Os políticos máis valorados, á luz dos dados ofercidos nesta enquisa, son Anne Gabriel e Antonio Baños, ambos os dous da CUP. Obteñen un 5,82 e un 5,60 de valoración polos cataláns. En terceiro lugar, Oriol Junqueras (ERC), cun 5,38. O candidato peor valorado, García-Albiol (PP), cun 2,06.

Máis en Països Catalans
Comentarios