Joan Herrera: "O meu voto sobre a independencia dependerá de como vaian as cousas"

O secretario xeral de ICV-EUIA, Joan Herrera, asegura nunha entrevista ao xornal Naiz que farán un proceso de consulta interna para decidir. 

Joam Herrera
photo_camera Joan Herrera

ICV-EUIA sumouse ao proceso soberanista catalán co seu apoio, pactado, á Declaración aprobada polo Parlament o pasado 23 de xaneiro. A súa actitude pública diante da proclamación de independencia non sempre foi moi clara e aínda hoxe gardan as distancias co restos de forzas políticas que apostaron polo "si" nun futuro referendo. O seu secretario xeral, Joan Herrera, nunha entrevista concedida ao xornal Naiz, reforza esta incertidume asegurando que aínda non teñen deciddo cal será o sentido do seu voto. "Dependerá de como vaian as cousas".

"A nosa opinión conformarémola dependendo de como se queimen as etapas", asegurou, "o día que haxa que tomar a decisión sobre que pregunta queremos e que opción defenderemos, faremos un proceso de consulta interna entre militantes e simpatizantes, para que ao fin sexa o noso activo social quen decida cal é a opción que imos defender".

Folla de ruta

Joan Herrera admite, na mesma entrevista, que a súa folla de ruta comeza co "protagonismo do Parlament; é dicir, unha comisión parlamentaria na que participe todo o mundo, mesmo os que están en contra". O secretario xeral de ICV-EUIA opina que logo "ten que haber un proceso de acompañamento social" coa implicación de moitos colectivos. Para el "hoxe hai moito escepticismo porque quen o lidera non asocia o proceso a un escenario de conquista de dereitos".

Preguntado pola data da consulta, sorprende coa afirmación de que "é un pouco infantil dicir que ten que ser necesariamente o ano 2014". Para Herrera esta data "obedece á analise por parte de Esquerra de que non aguantará o apoio a CiU". Por último critica que na actualidade, tal e como dixo no Pleno do Parlament o outro día, "non hai folla de ruta, hai un pouco de improvisación".

Non ao debate identitario

"Nós insistimos en que non hai que encarar o debate como un debate identitario", afirma o secretario xeral de ICV-EUIA, "porque en Catalunya hai moita xente que se sinte só catalana, hai xente que se sinte máis catalana cá española, que é a maioría e hai algúns que só españois". Rexeita a afirmación de Junqueras de que lle valía o 50% máis un porque para el "en termos políticos, España no fai prisioneiros". Preguntado pola relación co escebario vasco, Herrera asegura que "estamos nun momento de ruptura dos pactos da transición, e non só no debate territorial".

Máis en Països Catalans
Comentarios