“Haberá consulta e será legal”, respóndelle Mas a Rajoy

“Nin se celebrará o referendo nin se fragmentará España”, dixo o presidente do goberno español Mariano Rajoy na convención do PP en Barcelona. “Haberá referendo e será legal”, contestoulle o presidente da Generalitat de Catalunya, Artur Mas. 

Artur Mas
photo_camera Artur Mas

O presidente da Generalitat , Artur Mas , respondeu con contundencia á visita de Mariano Rajoy en Barcelona, escenario que o presidente español aproveitou para reiterar o seu rexeitamento á consulta soberanista catalá no marco da convención do PP.  Mas non tardou en contestarlle a Rajoy afirmando que haberá consulta e será legal ademais de puntualizar a súa vontade de chegar a un acordo co estado español, á maneira do Reino Unido e Escocia. “Estamos dispostos a facelo mais atopamos constantemente cun estado que o único que fai é dicir que non haberá consulta”, sinalou Artur Mas. 

Para o presidente da Generalitat, o PP está a desenvolver unha “estratexia do medo” que quedou unha vez máis á vista coas afirmacións de Rajoy en Barcelona, onde clausuraba a convención do PP  canda outros membros da cúpula do partido como Soraya Saénz de Santamaría, José Manuel Soria ou Cristóbal Montoro. “Facendo campaña para que non se celebre a votación, o PP acepta de facto que a consulta terminará sendo”, apuntou Mas, quen definiu a convención como “festival de ameazas”. 

En Barcelona, Mariano Rajoy repetiu que mentres el fóra presidente non se faría ningún referendo ilegal nin se fragmentaría España. Esixiu respecto á constitución española e lembrou tamén que Catalunya non era quen para decidir sobre si propia o futuro do estado. 

Máis en Països Catalans
Comentarios