PROCESO INDEPENDENTISTA CATALáN

O Govern seguirá adiante coa consulta do 9-N

Artur Mas anunciou que o Govern de Catalunya continuará adiante coa consulta e que "non dará pasos atrás" no proceso independentista. 

reunion
photo_camera Reunión das forzas pro-consulta


Concluíu a reunión das forzas políticas pro-consulta realizada esta segunda feira -rematou por volta das 10 da noite- e, segundo comunicou o coordenador nacional de ICV, Joan Herrera, o Govern catalán desbota neste momento a realización do referendo nos termos previstos no decreto asinado no seu día por Artur Mas.

Esta terza feira, o Govern formulará unha proposta alternativa á realización da consulta, inviabilizada no actual marco político após o recurso de inconstitucionalidade apresentado por Madrid á lei de consultas e ao decreto de convocatoria do referendo.

Será Artur Mas quen, esta terza feira, por volta das 10 horas, compareza perante os meios para informar da alternativa que baralla o seu executivo.

Segundo informa Vilaweb, na reunión da segunda feira o Govern propuxo un referendo alternativo ao que prevía a Lei. Trataríase de pór as urnas en sedes da Generalitat ao longo de todo o país -que funcionarían como colexios eleitorais-, sen publicar necesariamente un censo previo, de maneira que as eleitoras e os eleitores se fosen rexistar no momento previo a votar. Sería realmente un acto simbólico, ao non estar formalmente recollido na Lei de Consultas. A proposta non contou co apoio de ERC, que exixe que se vote de acordo coa lexislación aprobada polo Parlament. Si tiña, en principio, o respaldo da CUP.

Ao non se chegar a acordo, e segundo Vilaweb, Mas resérvase dúas bazas. Ou eleccións plebiscitarias ou algunha outra forma de participación cidadá para o 9-N. A incógnita vaise despexar na súa comparecencia desta terza ás 10 horas.

ERC considera que o único camiño que ten por diante Catalunya é un "Parlamento que faga unha declaración inmediata de independencia e a abertura dun proceso constituínte".

De acordo coas fontes consultadas por Ara.Cat, Mas tería comunicado ao resto das forzas pro-consulta -ERC, CUP, ICV- que a consulta non se pode facer e que procurará acollerse aos capítulos da lei de consulta non impugnados por Madrid e que fan referencia ao que se coñece tenicamente como proceso participativo.

A forma que ese proceso participativo podería revestir, de acordo con Ara, sería ou ben unha enquisa, un fórum de participación cidadá ou unha audiencia pública, modalidades todas estas novidosas, contidas na Lei de Consultas e que precisan dunha explicación que, segundo fontes do Govern, sería a que daría Mas na súa comparecencia.

Mais a noticia é neste momento esta: o Govern renuncia á consulta do 9-N.

A posición de Esquerra

ERC, informa Nació Digital, mostrouse disposta a colaborar en primeira instancia co Govern para promover unha consulta participativa en substitución da consulta axendada para o 9-N, mas ao tempo mostra a súa convicción de que o único camiño que ten por diante Catalunya é un "Parlamento que faga unha declaración inmediata de independencia e a abertura dun proceso constituínte".

A CUP chama a unha concentración nocturna

A CUP, por súa parte, convocou unha reunión de urxencia do seu Consell Politic ao termo do cal, e con carácter de urxencia, chamou a unha concentración esta mesma noite, segunda feira 13 de outubro, na praza de Sant Jaume, onde está sediado o Palau da Generalitat.

Ao chamado da CUP responderon centos de persoas, ás que se dirixiu o líder da organización, David Fernández. En declaracións a NacióDigital, Quim Arrufat, deputado no Parlament, dixo que para a Candidatura da Unitat Popular "non hai plebiscitarias que podan substituír un movimento de desobediencia popular e de forza social".

O voceiro da CUP criticou o que cualificou de "exceso de tacticismo" de CiU e ERC e chamou "a que a xente poda votar o 9-N".

Máis en Països Catalans
Comentarios