O goberno español impugna a consulta alternativa catalá

Soraya Sáenz de Santamaría di que o Estado dá este paso porque “queremos preservar os dereitos dos cataláns”.

O goberno español decidiu no seu consello de ministros desta sexta feira impugnar a consulta alternativa do 9N por entender que ten “menos garantías democráticas” que o referendo suspendido polo Tribunal Constitucional. Por iso considera que a xustiza debe de actuar tamén agora de contado perante unha acción “que non ten cabida no sistema xurídico español”.

A vice-presidenta do executivo central, Sáenz de Santamaría, asegurou que dan este paso para “preservar os dereitos dos cataláns”. Para ela, o “proceso participativo” impulsado pola Generalitat é contrario “aos dereitos dos cataláns”. Responsabilizou a Artur Mas de “non asumir ningunha responsabilidade, non asinar nada por escrito, trasladar aos funcionarios unha responsabilidade persoal...” Con todo iso, indica a vice-presidenta, hai motivos para a impugnación.

O goberno español considera que o 9N estase a artellar “sen as garantías democráticas básicas”, poñendo como exemplo “que non hai censo”. “A obriga dun goberno é velar polo cumprimento da lei e dos dereitos dos cidadáns”, así como asegurar “a vixencia do ordenamento constitucional”.

Máis en Països Catalans
Comentarios