Homs, ao PP e Ciutadans: "Vostedes queren liquidar Catalunya desde unha visión imperialista"

PP, Ciutadans e UPyD denunciaron á organización do simposio España contra Catalunya, no cal participaron máis de 100 historiador@s, por alentar a "hispanofobia" e facer "pedagoxía do odio e da violencia".

Manifestación pola independencia en Catalunya
photo_camera Manifestación pola independencia en Catalunya


"Vostedes teñen un obxectivo político claro que é a liquidación de Catalunya desde unha visión imperialista". Así de taxativo se mostrou o ministro de Presidencia e portavoz do Govern, Francesc Homs, en resposta ás críticas de PP e Ciutadans a respeito do simposio entitulado 'España contra Catalunya'. 

Segundo publica Vilaweb, todos os grupos parlamentares agás CiU e ERC criticaron o evento, ora polo título ora polo seu contido. Porén, Homs respostou unicamente a PP e Ciutadans asegurando que o obxectivo das súas críticas é a folla de ruta que teñen para a "liquidación" de Catalunya como nación.

O PP dixo do simposio que alentaba a "hispanofobia" e que adoecía de rigor

Neses termos pronunciouse o PP de Catalunya en referencia ao presidente da Generalitat, Artur Mas, para lle exixir a cancelación do evento. No concreto, dixo o voceiro d@s conservador@s, Henry Millo, que Mas "non poderá dicir que quere falar e sentar co goberno de España para procurar unha solución e saídas a un conflito que el propio, con ERC, xerou na política catalana e española".

Millo definiu o simposio como "unha declaración unilateral do conflito que elimina a posibilidade de diálogo" e acusou o goberno catalán de "irresponsábel" e de causar "frustración" por preguntaren ao pobo catalán se quere ou non quere a independencia. Aliás, dixo tamén que o ciclo de ponencias do cal participaron máis de cen historiador@s de recoñecida traxectoria, denota "unha vitimización enfermiza, odio, hispanofobia, manipulación da historia e falta de rigor". 

Ciutadans, UPyD e a ''pedagoxía do odio''

A formación política que lidera Rosa Díez presentou unha denuncia perante a fiscalía superior de Catalunya contra a organización do simposio --o Centre d'Història Contemporània-- alegando que podería ser constitutivo dun delito de "provocación á discriminación, ao odio e á violencia". Baséase UPyD en dúas ponencias entituladas 'Espanya i Catalunya, 300 anys de conflicte polític' e '300 anys d’espanyolisme a Catalunya'. 

Ciutadans uniuse á devandita denuncia. O seu voceiro, Jordi Cañas, entendeu que o evento "fai pedagoxía do odio e presenta todo o español como inimigo de Catalunya". O PP tamén se uniu á idea da formación de Rosa Díez.

Máis en Països Catalans
Comentarios