A Fiscalía pretende un xuízo rápido que desemboque na inhabilitación de Mas como futuro candidato

A Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya estuda apresentar cargos contra Artur Mas e Joana Ortega -presidente e vicepresidenta do Govern- por ter organizado a consulta do 9N.

Artur Mas [Imaxe NAIZ]
photo_camera Artur Mas [Imaxe NAIZ]

Detrás da actuación da fiscalía catalá está -como non podía ser doutro xeito, dada a estrutura xerárquica e centralizada desta institución- a Fiscalía Xeral do Estado, cuxo titular, Torres Dulce, nomeado directamente polo Goberno español, é quen se acha ao fronte da operación. Isto significa que estaríamos perante unha acción xudicial teledirixida politicamente desde a Moncloa. Significa, por tanto, que Rajoy tería sucumbido ás presións da ala dura do seu partido. Con efeito, os sectores máis ultra do PP despregaron nas últimas horas unha intensa campaña de descrédito de Rajoy, ao que reprochan timoratismo ao non ter impedido a realización da consulta do 9N. A acción da fiscalía sería un intento de Rajoy por sofocar as lapas internas na rúa Génova.

O rascuño da denuncia contra Mas e Ortega leva a asinatura da Fiscalía Xeral do Estado, mais formalmente será a fiscalía catalá quen presenta a demanda perante o TSXC ao ser este tribunal o que eventualmente debería xulgar a querelada e ao querelado, por estaren estes aforad@s ao seren integrantes do Govern.

A Fiscalía acusar a Mas e Ortega da presunta comisión de dous delitos: desobediencia e prevaricación. Responsabilízanos por permitir e impulsar o chamado polo Govern "proceso participativo" embora este ter sido suspendido polo Tribunal Constitucional.

A acción da fiscalía sería un intento de Rajoy por sofocar as lapas internas na rúa Génova e por acalar as críticas dos sectores máis ultras do PP

En principio, desbótase presentar cargos por malversación de caudais públicos (partidas económicas destinadas a sufragar a montaxe do 9N).

A Fiscalía estaría estudando se se querela tamén contra Irene Rigau, conselleira de Educación, pola cesión de centros escolares para a realización da consulta. A demanda presumibelmente presentaríase esta cuarta feira perante a Sala Civil e Penal do TSXC.

O propósito desta actuación da fiscalía -interpreta La Vanguardia- sería ir a un procedimento xudicial rápido que desembocase nunha pena de inhabilitación para Mas, o que lle impediría concorrer como candidato a presidente nunhas eventuais eleccións antecipadas.

Algúns analistas apontan a que Madrid -que naturalmente ten resortes para deixar morrer a iniciativa da Fiscalía- tenta así forzar a Mas a que reconsidere a súa aposta no frentismo independentista [o presidente da Generalitat anunciou esta terza feira a abertura de contactos con outras forzas soberanistas para sondexar a hipótese de ir a unhas eleccións plebiscitarias cunha lista de país].

Máis en Països Catalans
Comentarios