A Fiscalía do TSXC retrasa a querela contra Mas polos "erros" na proposta de Madrid

A presentación da demanda contra representantes da Generalitat polo 9-N podería adiarse até a vindeira semana.

A querela contra Artur Mas pola convocatoria do proceso participativo decorrido o 9 de Novembro continúa retrasándose. Embora ser anunciada o día despois da consulta, ese día aínda non chega. E as razóns son múltiples. Porén, o maior atranco está a ser o rexeitamento da maioría de fiscais de Catalunya. 

A Fiscalía de Catalunya ve "erros" no texto deseñado por Madrid e di que continuará co proceso mais con garantías legais

Na xuntanza desenvolvida entre representantes do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya e a Fiscalía Xeral do Estado na terza feira (11 de Novembro), @s fiscais catalás plantáronse perante a proposta deseñada por Madrid. Segundo a Fiscalía catalá a querela contén erros no texto polo que decidiron non darlle apoio. No concreto, segundo recolle La Vanguardia, d@s 9 fiscais do TSXC, 6 terían amosado o seu rexeitamento a presentar a querela neses termos.
 

Erros no texto presentado por Madrid

E é que o documento achegado desde Madrid prevía acusar o president da Generalitat e outr@s integrantes do Govern de "usurpación de funcións", "desobediencia" e "prevaricación". Porén, segundo a Fiscalía catalá non existiría materia penal suficiente para soster tales acusacións. Neste senso, a vontade amosada desde o Principat é continuar co proceso seguindo as ordes da Fiscalía Xeral do Estado mais facelo coas debidas garantías

A querela podería centrarse en Mas e Ortega por un suposto delito de desobediencia

Doutra banda, a proposta de querela defendida por Madrid pretendía dirixirse tamén contra o conselleiro de Interior, Ramón Espadaler, a quen o Estado atribuía responsabilidades na área de Governació, algo que non se axusta á realidade. Así mesmo, califícase o executivo catalán como "Goberno sedicente", un feito que para a Fiscalía catalá non era "de recibo". 

Segundo as últimas informacións publicadas, @s fiscais do TSXC poderían presentar, finalmente, tan só unha acusación contra Mas e a vice-presidenta da Generalitat, Joana Ortega, por un presunto delito de desobediencia mais a decisión final non se produciría até a vindeira semana. 

Máis en Països Catalans
Comentarios