A Fiscalía de Catalunya négase a presentar a querela contra Mas

Torres-Dulce convoca unha Xunta de Fiscais de Sala a vindeira cuarta feira para "cumprir" coas ordes de Madrid. 

A Fiscalía superior de Catalunya comunicou ao Ministerio fiscal español esta segunda feira que non ten pensado polo de agora presentar unha querela contra Artur Mas pola convocatoria do 9 de Novembro. 

A decisión do organismo catalán contravén as demandas de Madrid que reclama a presentación dunha querela contra o president da Generalitat por "desobediencia" desde o desenvolvemento do proceso de participación cidadá decorrido hai máis dunha semana. Porén, a Fiscalía catalá entende que non existen garantías xudiciais para proceder, cando menos, nos termos en que desexa o goberno español. 

Neste senso, trasladou hoxe ao Fiscal xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce, que se nega a presentar a querela. Pola súa banda, Torres-Dulce, quen recoñeceu ter recibido presións no exercicio das súas funcións, convocou unha xuntanza para a vindeira cuarta feira na que reunir @s fiscais de sala. O obxectivo do encontro é "cumprir co que exixe o artigo 27 do Estatuto orgánico do ministerio fical". 

Rajoy visitará Catalunya o 29 de Novembro, vinte días despois da consulta

Desta maneira, Torres-Dulce tenta cumprir coas demandas de Madrid embora contradicer a vontade da fiscalía catalá.

Rajoy viaxará a Catalunya

Doutra banda, o presidente do goberno español, Mariano Rajoy, anunciou que visitará Catalunya o vindeiro 29 de novembro. Farao vinte días despois do proceso de participación cidadá e logo de ter respondido --unha semana despois-- á carta que lle enviou o seu homólogo catalán. 

Rajoy asegurou na misiva de resposta que a soberanía nacional española é innegociábel, segundo informa a axencia de noticias Europa Press que cita fontes de Moncloa. 

O posicionamento que mantén o executivo español continúa a ser o mesmo. Emprazan as forzas independentistas catalás a presentar unha proposta de reforma da Constitución de 1978 se queren introducir o dereito de autodeterminación mais avanzan que o PP non a apoiará. 

Máis en Països Catalans
Comentarios