Os fiscais cataláns opuxéronse a que se falase do Govern como "goberno sedicente"

Foron os fiscais cataláns os que frearon en seco o rascuño de denuncia formulado contra o Govern por parte da Fiscalía Xeral do Estado, informa na súa edición desta quinta feira o diario La Vanguardia.

Formalmente, debe ser a fiscalía catalá quen interpoña unha eventual denuncia e debe facelo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya tendo en conta que os hipotéticos querelados -Artur Mas e Joana Ortega, presidente e vicepresidenta do Govern- son aforados.

A intención do Goberno español -que é quen nomea directamente o fiscal xeral do Estado- era anunciar a segunda feira a presentación dunha querela contra Mas e Ortega, por desobediencia e prevaricación. Estes cargos comportarían, de haber unha sentenza contraria aos dirixentes catalás, a súa inhabilitación, o que levaría a Artur Mas a ficar fóra da carreira eleitoral que se adiviña perto no calendario (el, como president, ten a competencia de disolver a Cámara en calquer momento e todo aponta a que as podería convocar para febreiro).

Os fiscais cataláns, embora dependeren hierarquicamente da Fiscalía Xeral do Estado, manifestaron profundas discrepancias co proxecto de denuncia tal e como foi redixido por Madrid

Por que non se materializou esta intención do Goberno español? Basicamente porque os fiscais cataláns, embora dependeren hierarquicamente da Fiscalía Xeral do Estado, manifestaron profundas discrepancias co proxecto de denuncia tal e como foi redixido por Madrid. Un ponto que suscitou desacordo foi a expresión "goberno sedicente" coa que desde a FXE se quería aludir a Generalitat de Catalunya. Tampouco existía coincidencia á hora de fixar os tipos delictivos en que supostamente tería incorrido o Govern. Para os fiscais cataláns, si é posíbel que Mas e Ortega tivesen cometido desobediencia, mais non prevaricación (ditar unha orde inxusta a sabendas de que o é). A base da querela, para a parte catalá, sería, en todo caso, os correios electrónicos dirixidos aos centros escolares para se poren a disposición da organización da consulta, suspendida polo Tribunal Constitucional.

As discrepancias levaron a que a FXE e a Fiscalía catalá mantivesen un encontro para procurar un acordo. A cimeira realizouse este cuarta feira en Madrid, en plena treboada de ataques dos sectores ultra do PP contra Rajoy polo que consideran febleza do presidente español perante o independentismo catalán [acúsano até de cúmplice por non ter ordenado a requisa policial das urnas o 9N].

O máis sustancial da cimeira é que a Fiscalía Xeral do Estado di ter delegado a resolución do asunto nos fiscais cataláns. O que aconteza a partir de agora é incerto. Non sería a primeira vez que a Fiscalía denuncia a un presidente da Generalitat. Xa o fixo con Pujol en 1984. Após esa demanda, que ficaría en nada, o líder histórico de CiU gañou as eleccións lexislativas catalás 4 veces consecutivas.

Máis en Països Catalans
Comentarios