CARGA CONTRA JUNTS PEL Sí

Felipe González compara o proceso soberanista catalán co fascismo

“É o máis parecido á aventura alemá ou italiana dos anos trinta do século pasado”. Así se refire o ex presidente español Felipe Gonzalez ao proceso independentista catalán nunha carta aberta publicada este domingo.

felipe
photo_camera felipe

Nun artigo de opinión publicado este domingo polo diario El País baixo o título “A los catalanes”, o ex presidente do Goberno español Felipe González (PSOE) exhorta o pobo catalán a “non se deixen arrastrar a unha aventura ilegal e irresponsábel”, en alusión á candidatura de Junts pel Sí. De feito, González chega a comparar o proceso soberanista catalán co fascismo, “é o máis parecido á aventura alemá ou italiana dos anos trinta do século pasado”. Engade que “nos custa expresalo así por respecto á tradición de convivencia de Cataluña”.

Ademais de cualificar o proces como “estraña e disparatada fronte de rexeitamento e ruptura da legalidade”, Felipe González, que carga contra Artur Mas, trata de infundir medo mediante a comparación de Cataluña con Albania. “Como é posíbel que se queira levar o pobo catalán ao illamento, a unha especie de Albania do século XXI?”, pregúntase. A continuación, acusa a Mas de “enganar” os independentistas e “os que creron que o dereito a decidir sobre o espazo público que compartimos como Estado nación poida fraccionarse arbitraria e ilegalmente”. Sinala que Mas “comete o mesmo error que Tispras en Grecia, pero fóra da lei e con resultados máis graves”.

Na mesma liña de difundir medo, o ex presidente español, que cita as supostas consecuencias dunha Cataluña independente, pon de manifesto que “ningún responsábel pode permitirse unha política de feitos consumados, e menos rompendo a legalidade, porque convidaría outros aventuras en sentido contrario”.  “A proposta que fai esa estraña coalición unida só polo rexeitamento en España, for cal for o resultado da falseada contenda electoral, pode ser o inicio da verdadeira vía morta”, salienta.

Máis en Països Catalans
Comentarios