Ex portavoz do goberno español: "A Mas o que lle falta é un fusilamento"

Tamén o ex presidente da comunidade autónoma de Madrid, Joaquín Leguina, asociou a Mas coa memoria de Companys, fusilado por Franco despois de ser entregado pola Gestapo.

O españolismo está a descarregar todas súas baterías dialécticas, de groso calibre, contra o presidente da Generalitat.

Esta mañá, o ex portavoz do goberno español Miguel Ángel Rodríguez -ocupou o seu cargo durante o primeiro goberno Aznar- afirmou na súa intervención no programa de Antena 3 TV Espejo Público que "Mas quer ser vítima de alguén e como non lle fai caso ninguén, está desesperado". A seguir, engadiu: "O que lle falta é un fusilamento, entón estaría estupendo".

A condutora do programa reprochoulle levemente o comentario a Rodríguez -"ai, que bruto es!"-, mais o ex portavoz de Aznar non se deu por aludido e continuou: "El [por Mas] o que quer é iso, porque o ridículo que fixo é xa moi difícil de superalo. Calquer político nestas circunstancias ía para a súa casa. Dígoo de verdade (...). El está aínda aí a ver se alguén do Goberno se equivoca. El quere os canóns alí. A Garda Civil, que o deteñan".

A afirmación de Rodríguez prodúcese xusto no día en que se comemora o 74 aniversario do fusilamento de Companys.

Tamén o ex presidente da comunidade autónoma de Madrid evocou a imaxe dun presidente da Generalitat fusilado, Lluis Companys, executado polo goberno franquista após ser entregado aos golpistas pola Gestapo.

 

Máis en Països Catalans
Comentarios