Un ex-dirixente de ICV encabezará a lista unitaria de CDC e ERC para o 27S

Raül Romeva e Carme Forcarell (ex-presidenta da ANC) serán primeiro e segundo na lista de unidade de CDC e ERC para a folla de rota independentista. Artur Mas vai de cuarto e Oriol Junqueras ocupa o quinto posto.

romeva Catalunya
photo_camera Raül Romeva

Raül Romeva foi durante unha década (2004-2014) dirixente de Iniciativa per Catalunya, formación pola que resultou eleito eurodeputado. Mais o seu profundo desacordo coa postura de ICV a respecto do proceso soberanista levou a este independentista a abandonar a formación en marzo deste ano. Agora, Romeva encabezará a candidatura de unidade tecida entre CDC e ERC para as eleccións do 27 de setembro, unha lista na que os tres primeiros postos estarán ocupados por independentes, Artur Mas irá de cuarto e Oriol Junqueras, quinto. Esta cuarta feira vén de se coñecer que o cabeza de lista será Raül Romeva, que irá acompañado de Carme Forcadell, ex-presidenta da ANC, e Muriel Casals, de Òmnium Cultural, dúas das entidades que máis traballaron a prol do proceso soberanista que Catalunya vive e impulsa desde hai catro anos.

O acordo entre CDC, ERC e entidades civís soberanistas para unha candidatura unitaria o 27S tomou forma nas últimas horas coa proposta dunha lista na que os tres primeiros postos sexan ocupados por independentes, no cuarto vaia Artur Mas e no quinto Oriol Junqueras. Sexto e sétimo serán ocupados por independentes. E a partir de aí o resto das prazas repartiranse entre CDC (58%) e ERC (42%). Portacentaxe que pode variar para dar acollida a representantes doutras formacións, como MES ou os escindidos de Unió. 

Mais o pacto atinxido non se limita ao deseño da candidatura, senón que garante no caso de triunfo unha maioría suficiente para a gobernabilidade e específica o desenvolvemento da folla de rota cara á independencia. É, pois, un acordo de candidatura e de goberno. CDC e ERC expuxeron o acordo no Palau da Generalitat ao resto de entidades e partidos independentistas,a CUP, os escindidos de UDC (Demòcrates de Catalunya), os escindidos do PSC (Moviment d'Esquerres), a Assemblea Nacional Catalana (ANC), Òmnium Cultural e a Associació de Municipis per a la Independència (AMI)  

A CUP, con lista propia

A CUP concorrerá con lista propia nas eleccións do 27 de setembro baixo o nome CUP-Crida constituent. A formación independentista argumentou a súa non participación na candidatura conxunta en que "cambiaron a proposta pola que se nos convocou nun princpio", referíndose a unha listaxe sen políticos e integrada exclusivamente por persoas da sociedade civil catalá. 

Máis en Països Catalans
Comentarios