CRóNICA DO MERGULLO NA DIADA POLA INDEPENDENCIA

Eu sumei nos dous millóns

O xornalista Rubén Permui partilla coas leitoras de Sermos Galiza unha crónica en primeira persoa da exitosa Via Lliure que o pasado Onze de Setembre reuniu a máis de 2 millóns de persoas a prol da independencia de Catalunya. Permui aborda tamén o impacto posterior da  Diada deste ano, que coincidiu co inicio da campaña do 27S.

O BNG estivo presente nos actos da Diada
photo_camera O BNG estivo presente nos actos da Diada

“Mama, quina estelada més grossa”, exclama abraiada unha cativa, de non máis de 5 anos se cadra, ao pasar polo Passeig Lluís Companys o pasado 11 de setembro onde tiña lugar a Fira d'entitats. Esta céntrica avenida barcelonesa froito da exposición universal chega até as portas do parque da Ciutadella, onde no seu interior figuran desde edificios do evento que hai máis de 100 anos abriu a capital catalá ao mundo, até un zoolóxico ao tocar do Parlament (conteño a miña retranca...). A Fira acolle entidades culturais de todo tipo a prol da independencia, amosa que a Diada non é só unha cita para organizacións políticas. Para mostra, a Asemblea Cultural Galega de Barcelona (acgb.gal) conta, coma en edicións anteriores, cun posto onde literatura galega, biografías sobre Plácido Castro, estreleiras ou camisolas a prol da lingua galega tamén dan cor a esta data histórica.

A calor combinada co bochorno produto da humidade apertan en Barcelona incluso até ben entrado o outono, que as máis das nadas noutras latitudes procuramos soportar o mellor posíbel nesta xornada intensa. Á beira dese Passeig Lluís Companys inicia a Avinguda Meridiana, tamén até o Parc da Ciutadella. Permítaseme a frivolidade entre as anécdotas: no medio está a peña Blau Cel do Celta de Vigo.

A Via Lliure fica composta de 135 tramos onde máis de 400.000 participantes tiveron a ben apuntarse a través da súa web

Xente, xente e cada máis xente -coma amosan as fotografías até dos medios menos afíns ao procés- achégase a unha avenida custodiada por rúas que espertan cortadas ao tráfico -algo que non é trivial, xa que a circulación rodada desta cidade é, segundo as enquisas, a principal preocupación da cidadanía-. Podemos ver familias enteiras de varias xeracións -incluso máis dunha acompañada coa mascota tamén engalanada con estelada- que veñen de comarcas -como se di en Catalunya- para expresar cal é o futuro que queren para o seu país. A vía ten lugar nunha rúa de máis de 7 km que conta coa axuda de centros de voluntarias coordinadas pola Assemblea Nacional Catalana (ANC), entre doutras organizacións, que solucionan as dúbidas de ubicación a todas aquelas que se achegan a preguntar por onde pasar. E que é unha manifestación -máis ben concentración, non hai marxe para camiñar alcanzado o espazo a cubrir alén de axitarse no metro cadrado vital ocupado- onde para acceder a determinadas zonas hai que estar acreditada. “Per aquí no, has de fer tota la volta i accedir-hi per l'altre carrer”. Toda unha odisea para chegar ao lugar indicado. Pero non é precisamente por mor dunha mala organización do evento senón polo que supón que dúas terceiras partes do que sería a poboación do noso país se concretara de inicio a fin da Avenida de Lugo en Compostela (a predición do futuro é pseudocientífica, quen sabe!). A Via Lliure fica composta de 135 tramos onde máis de 400.000 participantes tiveron a ben apuntarse a través da súa web. 135 porque eses son o número de escanos dese Parlament onde cómpre reflectir a maioría entre Junts pel Sí e CUP -en asentos e porcentaxe, para non deixar marxe á dúbida- para democraticamente -custa crelo, pero hai quen aínda non comprende o concepto que a independencia non a impón ninguén, vótase- acceder á fundación dun novo estado en Europa. En Europa, porque aquí xa non hai unha opinión unívoca: hai quen acompaña a estelada de bandeira da UE.

"Unha comitiva de corredoras percorre a avenida enteira portando unha frecha que sinala o Parlament que pode decidir rachar con España"

Chegado ao tramo en cuestión despois de preguntar en diferentes puntos como acceder, toca agardar a que se desenvolva o guión do evento. Entre o desconcerto e a impaciencia as participantes agardan sen saber cando terá lugar o paso desa comitiva de corredoras que percorre a avenida enteira portando unha frecha que sinale o Parlament, a cal encaixará nun escenario onde se suceden as arengas de dirixentes da ANC. Cadaquén dispomos tamén dunha frecha de cartón dunha cor determinada en función do tramo para sinalar onde está a cámara de representantes que pode decidir rachar con España. "Non somos de dar cifras, pero coméntanme que podemos ser 2 millóns", sentencia Jordi Sànchez, presidente da ANC. Algo que non é de estrañar tendo en conta que ao longo do trazado da avenida ten unha constante de varias ducias de metros. Neste intre, unha curiosidade. Chámase Meridiana porque o seu trazado norte-sur (2º 10' 20'') faino coincidir aproximadamente co meridiano de París (2º 20' 14,025'') e máis precisamente co meridiano Barcelona-Dunkerque, que serviu para definir o metro como dezmillonésima parte do cuadrante dun meridiano terrestre (galipedia dixit).

Hai que agardar, pero a xente non se impacienta, é unha xornada festiva, alegre, “la revolució dels somriures”, que din. Boto a ollada aos balcóns dos edificios. Vexo un fotógrafo sentado literalmente dunha cornixa dun edificio que non lembro pero que terá cando menos 5 andares (o xornalismo sempre foi profesión de risco...). Á outra beira outras vivendas decoradas por estalades -ben, a tónica habitual destes anos- agás a do derradeiro andar que loce no seu balcón estandartes de Societat Civil Catalana -a entidade antítese da ANC- e dúas bandeiras de España -a duplicidade será se cadra na procura á desesperada de intentar compensar a latente superioridade numérica da estética independentista ao longo de toda a cidade-. Penso nas xuntanzas de veciñas ou neses eternos segundos de ascensor onde aquí parolar sobre o tempo -malia gozar dunha estabilidade mediterránea ao longo dunha boa parte do ano- non debe deixar paso á política para evitar tensións innecesarias... ou non! Quen non ten amigas unionistas ou independentistas nesta cidade e conversan desta realidade dando brillantes leccións de normalidade que xa quixeran nalgúns estudos televisivos preto do Manzanares (e iso que as máis das veces, a visión independentista debe estar máis que explicada e o público español débea coñecer ben de preto xa que ninguén que a apoie adoita ser convidada a debater)?

"Non dispoño de verbas para poder precisar a impresión que dá sentir a dous millóns de persoas cantar o seu himno..."

Chega a comitiva de corredoras, encaixa a frecha, helicópteros gravando este intre histórico, a xente está exultante... No escenario hai discursos, música, un coro de xente nova e pantallas con audiovisuais explicativos. Chega o final do evento e sona Els segadors. Non dispoño de verbas para poder precisar a impresión que dá sentir a dous millóns de persoas cantar o seu himno... Cae o serán e remata unha xornada histórica e queremos compartir impresións. Imposíbel sentar nunha terraza dun bar incluso a centros de metros á redonda porque claro, están procurando o mesmo centos de miles de persoas. Finalmente chegamos á terra prometida e atopamos onde parolar cuns grolos. Quen vén de visita aínda fica abraiada. Non deixa de ser raro para min ter normalizado este tipo de mobilizacións despois de tres anos de participación e en comparación ás primeiras desde que cheguei hai case unha década. As visitantes perante a descomunal mostra de forza teñen unha análise clara: vai pasar. 

Érgome o 12, baixo a mercar algo de pan e o xornal. Crúzome con diferentes persoas que levan posta a camisola oficial da Diada. A xente sorrí e comenta o de onte. As capas das prensa catalá poderían aforrar en titulares: aquí sen dúbida cúmprese a máxima que unha imaxe vale máis que mil palabras. Un medio editado en Madrid fala de Venezuela e non dedicada nin unha soa referencia ao acontecido no 11S na súa primeira páxina. Tanto ten, a realidade non precisa de confirmación. Xa se ven os primeiros cartaces das candidaturas. O discurso cordial de amor ao Estado de determinadas forzas contrasta coa dialéctica ameazante -en contraposición á revolución de somriures da Diada- dos seus dirixentes de carne e óso. Falou o pobo, o 27S falarán as urnas.

Máis en Països Catalans
Comentarios