Ester Capella: “Catalunya está á beira de conseguir a independencia”

A Senadora de ERC, Ester Capella considera que Catalunya está á volta da esquina de conseguir a independencia, un proceso social do que os partidos son, ao seu ver, “acompañantes. Será a representante de ERC nos actos do Día da Patria do BNG. 

Esther Capela, senadora de ERC
photo_camera Esther Capela, senadora de ERC

A coherencia é, segundo Capella unha das claves que sitúan a ERC como unha forza política en ascenso, que os inquéritos sitúan como primeira en expectativa de votos, e que se libra da desafección que padecen moitos partidos fronte novas fórmulas de representación política. 

 -Participa como representante de ERC nos actos do Día da Patria Galega. Que relación defende que manteñan as organizacións do soberanismo galego, vasco e catalán?

Sempre mantivemos relacións fraternais e de solidariedade e mesmo en momentos determinados fomos quen de establecer coalicións co BNG, poño por caso, ás eleccións ao Parlamento Europeo. A idea é manter esas relacións estratéxicas que no futuro é posíbel que se dean. Neste momento, a situación en Catalunya é distinta e iso obríganos tamén a accións diferentes. Máis alá do conxuntural temos elementos en común que deberiamos defender e alianzas no obxectivo común da defensa da autodeterminación. Nese sentido, hai unha liña de continuidade de colaboración que é de solidariedade e unidade de acción. 

"A cidadanía percíbenos como os que non defraudamos. No momento de desafección das organizacións políticas hai determinados partidos, como o noso, que continúa gozando da confianza da cidadanía.

-O nacionalismo catalán está na mira coa data próxima do referendum. Está a independencia xa a un paso?

Nestes momentos ninguén dubida de que estamos moi cerca, a volta da esquina de poder conseguir a autodeterminación e, polo tanto, a independencia. Un elemento pon sobre a mesa definitivamente a imposibilidade de encaixe e é o Estatut de 2006. Por parte de Catalunya hai desexo de maior autogoberno e España volve pechar a porta. Temos a sensación de que só en Catalunya hai federalistas. Ese movemento reflíctese na toma de conciencia que vai a máis, nas manifestacións, en como saímos a rúa para reivindicar unha realidade distinta. Iníciase un proceso progresivo de desafección co estado por parte da cidadanía, inimaxinábel na súa velocidade. 

-Estímase que o vindeiro 11 de setembro arredor de dous millóns de persoas sairán a rúa. Agardan unha mobilización desta dimensión?

O proceso foi in crecendo e trátase da mobilización da sociedade civil na que os partidos só acompañamos. Non están no noso control. Cada nova mobilización comportou o aumento da cidadanía que saía ás rúas. Agora manéxanse esas cifras, os dous millóns e poden ser posíbeis se temos en conta de que a Vía Catalana mobilizou máis de millón e medio e é posíbel que se superen con creces. E, repito, non somos os partidos, é a sociedade civil a que se mobiliza. 

-Mais ese proceso cidadá semella que fortaleceu a ERC, valórano así?

A cidadanía percíbenos como os que non defraudamos. No momento de desafección das organizacións políticas hai determinados partidos, como o noso, que continúa gozando da confianza da cidadanía. Somos percibidos como un instrumento útil para conseguir os obxectivos. Non dicimos cousas distintas do que sempre dixemos. O que se valora é que entre o discurso e os feitos non haxa disociacións, disfuncións. Gozamos desa confianza porque non fallamos. Presentámonos dicindo que eramos garantías da consulta para que a cidadanía puidese decidir o seu futuro. Cando Convergencia parece que ten dúbidas somos os primeiros en tirar do carro. Somos depositarios dos  votos que confiaron en nós e temos obriga de dar cumprimento do que nos encargaron. O problema dalgúns partidos é a disociación entre a campaña e a execución do mandato das urnas. A cidadanía non os considera instrumentos útiles e iso explica o que acontece nalgunhas organizacións do Estado español. 

-Como se libran desa falta de confianza nas organizacións e os efectos da aparición de novas fórmulas de representación política?

Temos procesos de conformación de programas electorais, ideolóxicos e de participación da cidadanía que teñen similitudes con esas novas fórmulas. Somos unha formación política moi transversal, que nace de abaixo a arriba. Non somos un partido ao uso. Iso comportounos dificultades no seu momento, dicíase que eramos inestábeis, pouco serios... en momentos dos partidos políticos ao uso eramos unha organización que despertaba desconfianza. Non somos un partido clásico, nunca o fomos e por iso tampouco nos alcanzan as críticas doutros partidos. Os militantes teñen capacidade crítica, de control e de decisión á hora de escoller a dirección do partido en cada congreso. Comprometémonos co que dicimos e tentamos levalo a cabo. Neste panorama político e social no que abundan os casos de corrupción, os partidos que están controlados pola militancia teñen menos escándalos. Defendemos a transparencia en todos os puntos de vista, desde o financiamento á toma de decisións. Os partidos temos que ser instrumentos para alcanzar os obxectivos da cidadanía. Iso fai que nos fagamos máis atractivos e que non nos alcance o castigo doutras organizacións políticas. 

"Non somos un partido clásico, nunca o fomos e por iso tampouco nos alcanzan as críticas doutros partidos. Os militantes teñen capacidade crítica, de control e de decisión"

-Esa coherencia entre programa e acción non se ve afectada polo paso polo goberno? ERC recuperou apoio despois de perder moitos votos no goberno tripartito. 

O paso polo tripartito supuxo un gran desgaste que a nivel electoral mesmo foi severo mais a análise é que se nos castiga cando non hai coherencia nin transparencia, cando non somos quen de transmitir as razóns que nos levan a tomar determinadas decisións. O primeiro tripartito foi vivenciado de maneira positiva, o segundo non e é posíbel que fora por non ser suficientemente explicado e foi percibido como un fraude á cidadanía. Para explicar o que aconteceu hai que ter maior perspectiva histórica. No primeiro goberno propiciouse un avance e no segundo a cidadanía entendeu que nos presentaramos cunha perspectiva e desenvolvemos outra. A estratexia de ERC foi o cambio no Estatut de Autonomía, o que os goberno de CIU nunca se atreveran. Facilitamos poñelo contra a parede, mover os límites de encaixe no Estado. Tivemos capacidade de reacción rápida, que hai cousas non toleradas pola cidadanía. 

-Como valora a próxima xuntanza entre Rajoy e Mas que finalmente xa ten data?

Dese ERC parécenos moi ben que o presidente da Generalitat dea todos os pasos para que o nove de novembro sexa posíbel que decidamos o noso futuro. Dentro desta afirmación, todo o que supoña reafirmarse na votación benvido sexa mais xa non é tempo de sacar coellos da chisteira. Se Rajoy é demócrata ten que autorizar a consulta. Non está en xogo un novo sistema de financiamento e outras manobras. O mandato que temos das urnas é moi claro. A cidadanía non nos pedía un novo encaixe no Estado español. Este mandato non é débil nin permite outras interpretacións. Reforzáronse os partidos que defenden o dereito a decidir. Todo o que non sexa o referendo é inviábel. Somos depositarios dun mandato moi claro e non admite matizacións. Que nos puxeramos de acordo na pregunta e na data tivo unha grande relevancia no proceso. Paréceme ben a xuntanza mais escoitar que Rajoy diga que é unha decisión unilateral paréceme dunha caradura sideral. Solicitamos que se avalase a posibilidade da consulta e o que atopamos foi un dobre muro. Se miramos e analizamos as leis aprobadas polo goberno do Estado español dáste conta de que é unha laminación constante do autogoberno e da capacidade de decisión de Catalunya. Unha cousa é o que di Rajoy e outra o que fai. 

-Existe tensión entre CDC e Unió?

Desde fóra e sen vontade de opinar sobre outras organizacións considero que CIU ten clara a súa posición na consulta e o seu compromiso e a proba é a estabilidade que existiu de cara a que o proceso chegara ao seu obxectivo. Compre distinguir unha posición individual da que manteñen as organizacións. 

Máis en Països Catalans
Comentarios