Esquerra baralla o 14 de setembro do 2014 como data para a consulta sobre a independencia

O 14 de setembro de 2014 perfílase como data máis acaída para a realización da consulta pola independencia en Catalunya, día sinalado por dirixentes de Esquerra. 

Catalunya
photo_camera Catalunya

O deputado republicano no congreso Alfred Bosch apuntou o día 14 de setembro do 2014 como acaída data para o desenvolvemento do referendo sobre a independencia, segundo manifestou nunha entrevista en Catalunya Información. Tamén Marta Rovira sinalou os días 7 e 14 de setembro do próximo ano como as dúas posíbeis datas para a consulta. As manifestacións de ambos dirixentes prodúcense despois de que Oriol Junqueras confirmase o pasado xoves a vontade de realizar o referendo “canto antes”. 

CiU e ERC recolleran no pacto de goberno o 2014 como ano para a realización da consulta pola independencia. De se confirmar a data, o referendo catalán realizaríase só catro días antes do escocés. Forzas soberanistas tanto de Catalunya como de Escocia en conversas informais coincidiron á hora de valorar a conveniencia de que o catalán teña lugar antes do escocés, en previsión dun triunfo das teses independentistas. 

A data non coincidiría con ningunha convocatoria electoral e situaríase a tres meses das eleccións europeas. Suporía tamén un tempo acaído para que a campaña se desenvolvese fóra do período estival, o que se complicaría de ser o día 7 a xornada escollida. Neste caso, sen embargo, coincidiría coa festa nacional que podería ser, tamén, da independencia. 

Valórase que o día 14 é a data máis propicia xa que conseguiría recavar tamén a mirada internacional, ao coincidir na mesma semana o referendo escocés e no entorno do once de setembro. 

Máis en Països Catalans
Comentarios