ERC pide continuar coas negociacións a CDC e CUP

O president de Esquerra, Oriol Junqueras, dixo que "fican 5 días" nos que "esgotar todas as horas e minutos" na procura dun "acordo".

Oriol Junqueras
photo_camera Oriol Junqueras

"É posíbel o acordo, tamén difícil", sinalou o presidente de ERC, Oriol Junqueras, en comparecencia de imprensa esta segunda feira (4 de xaneiro). A organización independentista reuniuse após a decisión adoptada polo Consello Político da CUP que rexeitou investir Artur Mas e, entretanto decorreu o encontro, coñeceuse a demisión de Antonio Baños como deputado da Candidatura de Unitat Popular. 

Perante os medios de comunicación Junqueras lanzou un chamamento a CDC e a propia CUP para que continúen negociando nos días que restan até esgotarse o tempo cara á investidura. "Se quedan 5 días, o que temos que facer é aproveitar todas as horas e minutos para chegar a un acordo". 

Junqueras: "Se quedan 5 días, o que temos que facer é aproveitar todas as horas e minutos para chegar a un acordo"

Junqueras apelou ao "mandato" popular expresado nas urnas o 27 de setembro para instar as dúas partes máis afastadas que volvan sentar á mesa de negociación. Neste senso, reclamou "responsabilidade" a "todos" e mesmo asegurou que "se un xesto de ERC facilita o acordo, que se nos diga que o faremos todo para o facilitar". 

As declaracións de Junqueras non deixaron claro se, como demanda a CUP, estaría disposto a candidatarse á presidencia da Generalitat para sacar adiante a investidura. Porén, esta cuestión non depende en exclusiva da vontade de ERC ou do propio Junqueras, senón de Junts pel Sí e, en boa medida, de Artur Mas. 

En todo caso, acrecentou, "ninguén ha de renunciar a nada que considere extraordinario para o acordo". 

Máis en Països Catalans
Comentarios