ERC anuncia que non haberá candidatura conxunta do nacionalismo catalán ás eleccións europeas

Non haberá candidatura catalá ERC-CiU á Eurocámara, así que todo apunta a que o partido de Oriol Junqueras irá en coligación co BNG e con EH Bildu.

Vence (BNG), Junqueras (ERC) e Zabaleta (Aralar)
photo_camera Junqueras, nun acto con Vence no Parlamento europeu

Foi Oriol Junqueras o encarregado de anunciar -fixoo esta tarde, nun acto decorrido no Ateneu de Torrelles de Llobregat- que o nacionalismo catalán non concorrerá cunha candidatura conxunta ás eleccións europeas.

Non foi posíbel conciliar as posicións antagónicas que en materia social e na política face a UE encarnan polos tan opostos como a Unió de Duran i Lleida e a CUP.

Junqueras foi claro a ese respeito: "Non todos os partidos que pactaron a data e a pergunta da consulta [ERC, CiU, CUP, ICV] aceptaban facer parte da lista e, para preservar a transversalidade do proceso, unha das súas principais fortalezas, é ben non deixar a ninguén fóra".

Ou todos ou ningún

Ou todos ou ningún e, portanto, como todos non era posíbel, ERC e CiU concorerrán por separado. CiU farao, con toda seguridade, en coligación co PNV. ERC, muito verosimilmente con BNG e EH Bildu. É unha incógnita o que vaia facer a CUP. Non se desbota que finalmente non presente candidatura. Outra opción, aparentemente menos probábel, é que acabe entrando na listaxe que tenciona liderar o tertuliano Pablo Iglesias baixo o carimbo de Podemos.

ERC suportou durante estas últimas semanas intensas presións por parte de CiU. A federación que lidera Mas ten enquisas que colocan os republicanos por diante, se ben é certo que nas últimas semanas, após se ter fixado a data do referendo, as espectativas converxentes teñen mellorado. Para ERC, a alianza co partido que ocupa o goberno da Generalitat presentaba no mínimo dous inconvenientes. Un, corresponsabilizarse das políticas de recortes practicadas por Mas desde o Executivo. Dúas, ceder espazo pola esquerda a unha CUP que, nomeadamente no cinturón obreiro de Barcelona, está tamén a entrar no eleitorado do PSC.

ERC suportou durante estas últimas semanas intensas presións por parte de CiU

"Despois de o falar muito con quen así o quixo, chegamos á conclusión de que era mellor que nos apresentásemos por separado, coa esperanza de alargarmos a base social dos favorábeis ao referendo", dixo Junqueras.

Porén, remarcou a vontade "de traballar conxuntamente no seo do Parlamento europeu, como tradicionalmente temos feito os eurodeputados cataláns".

.

Máis en Països Catalans
Comentarios