IMPULSADA AD HOC CONTRA O 'PROCÉS' SOBERANISTA

Entra en vigor a reforma da Lei do Constitucional que permitiría sancionar Mas

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe a reforma da Lei do Tribunal Constitucional, unha modificación impulsada ad hoc contra Artur Mas, president da Generalitat de Catalunya, para o sancionar se se considera que desobece algunha orde do alto tribunal en relación ao 'procés' soberanista.

Artur Mas
photo_camera Artur Mas

Despois da súa aprobación pola vía de urxencia, a reforma da Lei do Tribunal Constitucional entra hoxe en vigor coa súa publicación no BOE. A modificación foi impulsada polo Partido Popular ad hoc contra o president da Generalitat, Artur Mas, co fin de pórlle couto ao 'procés' soberanista.

Esta lei permítelle ao Constitucional sancionar –con multas de 3.000 a 30.000 euros- e mesmo suspender das súas funcións as autoridades que incumpran as súas sentenzas. Deste xeito, permitiría aplicarlle a Mas sancións e apartalo das súas funcións se desobedece algunha orde do alto tribunal en relación á independencia de Catalunya.

A modificación desta lei foi aprobada en tan só 13 días no Congreso e esta semana rematou o seu periplo no Senado, onde se aprobou cos votos do PP e de UPN, coa abstención de Ciudadanos e co voto en contra do PSOE, Entesa, Ciu, PNV e do resto do grupo mixto. Rexeitáronse ademais os sete vetos presentados e todas as emendas.

O PP apurou a aprobación desta lei con vistas postas nas eleccións catalás do pasado 27 de setembro, con medo a unha posíbel declaración unilateral de independencia por parte do bloque soberanista.

Máis en Països Catalans
Comentarios