Enquisa de El Periódico: ERC gañaría as eleccións e as CUP duplicarían representación

CiU perdería 18 escanos e pasaría ser segunda forza. Ciutadans, terceira forza ao se beneficiar da 'sangría' de PSC e PP.

A enquisa de El Periódico confirma, a grandes rasgos, a sondaxe feita por La Vanguardia a principios de mes: O proceso soberanista aberto en Catalunya está a aupar eleitoralmente ao independentismo de esquerdas (ERC e CUP), CIU desbáldase, o igual que PSC e PP. No polo unionista, é Ciutadans quen recolle o beneficio electoral e pasaría ser terceira forza do Parlament. IC-V subiría.

PSC pasaría ser cuarta forza parlamentar e o PP, sexta.

O traballo de El Periódico fíxose con 800 entrevistas, entre o 16 e 18 de outubro. Na enquisa, ERC subiría até os 36/38 deputados (tivo 20 nos comicios do ano pasado) e situaríase como a primeira forza en Catalunya, desbancando CiU. Convergència i Unió perdería 18 escanos, pasando dos 50 que ten agora a 31/32 de se realizar as votacións agora.

As forzas partidarias do referendo seguirían a ser abrumadora maioría no Parlament.

Un dos grandes chimpos é o de Ciutadans, que vira na primeira forza do unionismo. A sondaxe de El Periódico dálle entre 16 e 18 deputados. O duplo do que tivo nas eleccións de 2012 (9 deputados). A forza de Albert Rivera benefíciase da sangría que sofren PSC e PP. Os socialistas pasarían dos 20 escanos que posúen no Parlament a 14/16. O Partido Popular caería tamén en representación: de 19 a 13/14. No que atinxe a IC-V, que posúe 13 deputad@s, o traballo de El Periódico indica que subiría nun ou dous escanos a súa representación na Cámara catalá.

As CUP serían outra das forzas que incrementarían de forma importante a súa representación. O seu discurso de independentismo combativo “para cambialo todo” pasaría ter entre 5 e 6 deputad@s (agora posúe tres).

Máis en Països Catalans
Comentarios