Durán i Lleida quere outra Declaración de Soberanía con PSC e IC-V

O lider de Unió recoñece no seu blogue o erro de non propoñer nas conversas sobre a proposta de Declaración do Parlamento catalá ao PSC e IC-V. Deixa na mesma plataforma dixital, a mensaxe ao seu partido de que non debe ser "só a metade da Cámara a que apoie o primeiro paso do proceso"
Durán i Lleida diante a imprensa


A viaxe de Durán i Lleida a Chile para participar no encontro internacional "Oswaldo Payá" sobre economía social de mercado deixou fóra ao líder de Unió das conversas sobre a proposta de Declaración do Parlamento catalá. Segundo recoñece na entrada publicada no seu blogue acepta a súa responsabilidade "porque antes de vir a Chile estaba plenamente informado" das intencións da coalición CiU con respecto ao texto aprobado con ERC.

Durán non agachou nunca a súa postura contraria a ERC e após o caso Pallerols tampouco ten moitas amizades no resto de formacións políticas con representación no Parlamento catalá posto que PSC, PPC, ICV, CUP e EUiA pediron formalmente a súa demisión polo escándalo do financiamnto do seu partido. Malia isto propón "rachar" co texto presentado e "voltar a comezar" cunha negociación na que coparticiparían PSC e IC-V para acadar "maiorías amplas". O texto final vai ser discutido e votado no prikmeiro Pleno do Parlamento de Catalunya que terá lugar o vindeiro 23 de xaneiro.

"E Duran?, aínda anda por Chile?"

Julián Hernández dicía esta frase ao público do concerto dos Siniestro Total en Terrassa a pasada sexta feira. O "caso Durán" está de actualidade mesmo entre @s siareir@s ao punk-rock. O lider de Unión quere voltar a centrar a súa figura no eido político e que os medios de comunicación deixen de falar dos seus probelmas coa xustiza.

Se visitamos o quiosque de imprensa vemos que en parte conseguiu este obxectivo. Polo que lemos estes días a posición de "torpedeiro" do lider de Unió abre máis fendas das que quixera a coalición que lidera Artur Mas. En NacióDigital.cat o articulista Joan Fuguet imaxina como sería unha hipotética demisión de Durán i Lleida e Salvador Cot apunta que a postura do de Unió xa non ten ninguén "con quen compartir mesa", após que a totalidade de formacións políticas do Parlamento, agás CiU, pediran a súa demisión. Vicent Partal, director de Vilaweb.cat, sinala que os partidos que se presentaron ás pasadas eleccións cun programa no que figuraba a consulta "non deben defraudar".

Imaxes: Unió.cat

Máis en Països Catalans
Comentarios