Duran pide apoio a Rajoy para evitar unha declaración unilateral de independencia

"É mao para Catalunya" mais tamén, acrecentou o líder de Unió, "é mao para España". O portavoz de CiU nas Cortes españolas instou o presidente español a "dirixir" e "encabezar" unha "resposta" perante o avanzo soberanista. 

Duran i Lleida [Imaxe: Unió]
photo_camera Duran i Lleida [Imaxe: Unió]

Josep Antoni Duran i Lleida demandou esta semana ao presidente do goberno español, Mariano Rajoy, que actue perante o avanzo soberanista en Catalunya pois, do contrario, advertiu "atoparémonos cunha declaración unilateral de independencia que algúns aprobarán no Parlament". Unha situación que o líder de Unió entende "non é boa para Catalunya mais tampouco para España". 

Duran considera que unha declaración unilateral só deixaría "inestabilidade política" en Catalunya e no Estado

Nunha intervención desenvolvida no Congreso d@s deputad@,s o portavoz de CiU considerou que canto máis tempo deixa pasar o Estado español na procura dunha solución pactada ao que definiu como "conflito político catalán" menores son as posibilidades de atopar un punto de encontro entre as posicións soberanistas e unionistas. 

O líder de Unió insistiu en considerar que a independencia de Catalunya --que sinalou, conta cun amplo apoio social-- non xera senón "inestabilidade política" e "desconfianza", nomeadamente, para os intereses económicos da oligarquía que Unió representa.

Mariano Rajoy di que non mudará de estratexia política

Así, emprazou o executivo de Mariano Rajoy e, concretamente ao presidente, a iniciar un proceso de diálogo que agrupe "os principais partidos" do Congreso e as "institucións do Estado" co obxecto de frear unha posíbel declaración de independencia emanada do Parlament de Catalunya. 

O goberno español di que imporá a integridade territorial

No entanto, Rajoy insistiu en continuar coa mesma estratexia que até o de agora. Non facer nada para alén de pregoar a suposta importancia que para Catalunya e o Estado representa o mantemento da unión territorial, un argumento que hai tempo fai augas en Catalunya como reflectiu a manifestación convocada o pasado 12 de outubro na capital catalá. 

Cristóbal Montoro: "A Constitución define a indisolubilidade de España, e polo tanto non hai nada que discutir"

Para o goberno do Partido Popula,r a súa axenda política a respeito do proceso de ruptura iniciado en Catalunya continuará polo mesmo vieiro se ben algúns dos ministros do executivo de Mariano Rajoy están a radicalizar o ton do seu discurso.

Neste senso, o responsábel de Facenda, Cristóbal Montoro, advertiu ás forzas independentistas que se fará cumprir a Constitución española, pois "non hai nada que discutir", dixo, ao se fixar na mesma a "indisolubilidade de España". Asemade, insistiu, o goberno español imporá "a primacía" do marco xurídico que, di, "ninguén pode pretender vulnerar". 

Así mesmo, a portavoz d@s populares en Catalunya, Alicia Sánchez Camacho, demandou a Duran i Lleida que rache coa coligación entre Convergència e Unió para evitar, dixo, que se puider producir a declaración unilateral. Porén, as forzas independentistas (Convergència, ERC e as CUP) continuarían a ser maioritarias na Cámara catalá. 

Máis en Països Catalans
Comentarios