David Fernández propón que dous votos da CUP invistan a Mas

En troca, demanda que Junts pel Sí aprobe un plan de choque “real e concreto”.

David Fernández [Imaxe: CUP]
photo_camera David Fernández [Imaxe: CUP]

O ex-parlamentar da CUP, David Fernández, lanzou unha nova proposta ao proceso de investidura da Presidencia da Generalitat esta cuarta feira (2 de novembro). Nun artigo publicado no diario Ara, Fernández defende que o grupo parlmentar da CUP conceda dous votos favorábeis a Artur Mas –os que lle farían falla para saír eleito-- e, en troca, que Junts pel Sí aprobe un “plan de choque real e concreto” que combata a “pobreza e a desigualdade en Catalunya”.

Isto, dixo, “pode ser o único posíbel, agora mesmo”.

David Fernández, unha das voces máis (re)coñecidas da CUP, dentro e fóra do Principat, propón desbloquear o proceso “para mudar de pantalla”, ou o que é o mesmo, avanzar. Unha proposta, di, para evidenciar que “o partido comezou e saímos a gañar”.

A CUP volverá consultar as bases o 27 de decembro

As verbas de David Fernández coincidiron coa decisión do Tribunal Constitucional de ilegalizar a iniciativa presentada conxuntamente por Junst pel Sí e a CUP coa que se dá inicio ao proceso parlamentar de independencia e que o bloque soberanista catalán na Cámara anunciou que non paralizará.

Así as cousas, as deputadas e deputados da CUP non adoptarán a decisión final até o 27 de decembro nun outro encontro nacional. Neste senso, a militancia da formación independentista acordara o 29 de novembro continuar avanzando nas negociacións con Junts pel Sí na procura dunha candidatura alternativa á Presidencia, pois rexeitan a Mas.

Máis en Països Catalans
Comentarios