As datas chave do calendario catalán

A Xunta de portavocías convocou sesión plenaria os días 4, 5 e 7 de xaneiro por se procede a investidura.

parlament catalunya

Após o resultado da Asemblea Nacional Extraordinaria da CUP na que alcanzaron un empate as propostas de investir president da Generalitat Artur Mas e non facelo, despregouse un calendario provisional que podería rematar en dous escenarios: investidura ou eleccións. 

Sexa como for, as datas que se manexan son as seguintes logo de que o Secretariado Nacional da CUP convoque formalmente o Consello Político da organización independentista para o 2 de xaneiro. 

A partir do 29 de decembro decorrerán as asembleas comarcais da CUP. En total son 13 que deberán posicionarse a respeito da proposta presentada por Junts pel Sí –Al Ter, Barcelonès, Ponent, Maresme-Barcelonès Nord, Catalunya Central, Penedès, Comarques del Camp, Baix Llobregat, Vallès Occidental, Vallès Oriental, Terres de l'Ebre i Nord-oriental-. Cada unha delas conta cun número de votos ponderado (tres e seis) en función do número de militantes, asembleas locais e de representantes municipais. As persoas que as integran deberán expresar a súa vontade que se trasladará ao Consello Político do 2 de xaneiro. 

De non se chegar a acordo o escenario máis probábel sería o anuncio de novas eleccións o 10 de xaneiro

O 2 de xaneiro terá lugar o Consello Político conformado por 13 representantes comarcais e o grupo de acción parlamentar. Esta é a data chave na que a CUP deberá adoptar unha decisión definitiva. Neste senso, as posibilidades son dúas, se entretanto Junts pel Sí se mantén firme na decisión de non mudar a proposta inicial, unha Presidencia de transición conformada por Mas (president), e 3 presidencias de comisión (Junqueras, Rovira e Romeva), como lle reclaman desde a CUP.  [Consulta o texto íntegro nesta ligazón]

De se acordar a investidura nos termos propostos, Presidencia de transición, o pleno tería lugar os días 4, 5 e 7 de xaneiro. Para avanzar, a Xunta de portavocías reunida esta segunda feira (28 de decembro), xa convocou nesas datas. 

Se finalmente non hai acordo --a JxSí bastaríanlle dous votos favorábeis da CUP para sacar adiante a investidura-- o escenario máis probábel é que o 10 de xaneiro sexan convocadas eleccións para o mes de marzo. 

Máis en Països Catalans
Comentarios