'Da autonomía á soberanía', un lema para dar pulo ao 31-D, “verdadeira Diada de Mallorca”

A 'plataforma 31-D' convoca unha manifestación soberanista e volve reclamar o recoñecemento oficial do 31 de decembro como Diada de Mallorca no canto da instaurada en 1997, o 12 de setembro. 

Estelada en Mallorca

Esta cuarta feira decorrerá en Palma a manifestación soberanista para reivindicar a oficialidade do 31-D como a verdadeira Diada de Mallorca, mobilización convocada pola 'Plataforma 31-D', da que fan parte organizacións e colectivos da illa. “Da autonomía 'a soberanía' é o lema da marcha deste ano, que partirá ás 18:00 horas do Passeig del Born para finalizar na Plaça dels Patins. Oficialmente, a Diada de Mallorca é, desde 1997, o 12 de setembro. Unha celebración que parte dos e das mallorquinas consideran artificial, reivindicando que a Diada é o 31-D, Festa de l'Estendard, comemoración da entrada das tropas catalás de 'Jaume o Conquistador' en 1229 en 'Madina Mayurqa' (Cidade de Mallorca). A festa comemora o nacemento da 'actual' Mallorca.

A autonomía é un modelo esgotado

As entidades que fan parte da Plataforma 31-D tteñen claro que o sistema autonómico saído da Constitución española de 1978 é un modelo “esgotado” e que a única saída “digna para o noso pobo” é a soberanía para poder decidir “o noso futuro”, recolle dBalears.

Os convocantes da mobilización queren centrar esta mobilización en tres eixos: reivindicar o 31 de decembro como auténtica Diada de Mallorca, o dereito a decidir, e un financiamento xusto para as Illes Balears.

Fan parte desta plataforma: Assemblea Sobiranista de Mallorca, Ateneu Pere Mascaró, Esquerra Republicana, Fundació Emili Darder, Grup Blanquerna, Joves d’Esquerra Republicana, Joves de MÉS per Mallorca, MÉS per Mallorca, STEI Intersindical e Unió Obrera Balear.

Máis en Països Catalans
Comentarios