A CUP propón unha presidencia rotatoria

Propón cinco medidas a Junts pel Si para formar un goberno cuxa presidencia non recaería en Artur Mas.

CUP
photo_camera CUP

A Candidatura d'Unitat Popular pon sobre a mesa cinco propostas a Junts pel Si para formar un goberno. Iso si, a CUP mantén que a presidencia do executivo non pode recaer en Artur Mas. Propón un presidente de consenso, un liderazgo político coral, unha presidencia rotatoria, unha co-presidencia e un comisionado para a internacionalización do proceso independentista. A CUP ve acaído a Mas para este último cargo, segundo diversos medios cataláns.

No que atinxe ao presidente de consenso, a CUP insiste en Raül Romeva, que liderou a candidatura de JxS, e a quen ven como alguén que reforza “a transversalidade e a pluralidade do independentismo”. A súa candidatura á presidencia, sostén a formación anti-capitalista, contaría non só co aval de JxS e CUP, senón que podería “non xerar o voto contrario doutras formacións”, unha declaración que parecen apontar a Catalunya si que es pot.

Presidencia rotatoria

Embora a normativa vixente só permita investir un único presidente e non prevé a rotación, desde a CUP consideran que nestes 18 meses podería darse unha rotación como medida para consolidar, simbolicamente, a transversalidade da aposta na independencia.

Unha co-presidencia e un comisionado para a internacionalización do proceso son outras das medidas feitas desde a formación independentista. Tamén propoñen tres persoas que visualicen a dirección do novo Goberno de forma colexiada e mancomunada e que teñan responsabilidades nas áreas chave do Executivo provisional: Emerxencia Social, Proceso Constituínte e Internacionalización do proxecto independentista.

Máis en Països Catalans
Comentarios