PARA EVITAR NOVAS ELECCIóNS

A CUP presiona Mas para que dea un paso atrás

Após decidir o Consello Político da CUP que a formación política non apoiará a investidura de Artur Mas como president, empraza agora o líder de CDC a dar un paso atrás para favorecer a formación do goberno e evitar, así, unhas novas eleccións en marzo.

[Imaxe: CUP]
photo_camera [Imaxe: CUP]

Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello Político, o deputado Sergi Saladié convidou Mas a dar un paso atrás para evitar novas eleccións en marzo, “se o presidente Mas dixo que nunca sería un obstáculo para a independencia, é o momento de demostralo”. “Podería facelo esta semana”, engadiu.

O parlamentar da CUP incrementou a presión sobre Junts Pel Si cando contestou unha pregunta dos medios respecto á convocatoria dunhas novas eleccións, “a decisión última sobre se hai eleccións en marzo recae en Junts Pel Si”. “Se eles, por unha cuestión personalista, non queren mover a ficha dunha persoa, deberán renderlle contas aos seus votantes”, apuntou este deputado, quen anunciou que se a coligazón de ERC e CDC mudase o candidato, a investidura podería ser “automática”.

A CUP salienta que o proceso soberanista non empezou o 27S nin acaba coa reunión que mantivo este domingo o Consello Político

Tamén aludiu a Junts Pel Si a deputada Gabriela Sierra, quen lembrou que a candidatura vencedora das eleccións do 27 de setembro conta aínda cuns días para expoñer un nome alternativo a Mas. Sierra sinalou que o proceso soberanista non empezou o 27S nin acaba coa reunión que mantivo este domingo o Consello Político, “continuará con ou sen investidura de Mas”. Tratando de botar a pelota ao tellado de Junts Pel Si, a parlamentar afirmou que de fracasar a investidura non será a responsabilidade da CUP, senón da coligazón de ERC e CDC, por negarse a propoñer un candidato ou candidata alternativa.

Negan indicios de fractura

Sobre a situación interna na que queda a CUP após o empate rexistrado na asemblea nacional do domingo pasado, 27 de setembro, ratificado nas asembleas territoriais, Sierra negou fractura na formación política: “hai CUP-Crida Constituent por moito tempo”. “Dixemos “non” a quen lle había que dicir “non”, insistiu.

"Hai CUP-Crida Constituent por moito tempo"

Respecto das voces que advirten da inminente dimisión de Antonio Baños, o cabeza de lista da CUP o 27S, a parlamentar tratou de negar esa posibilidade e contestoulle ao xornalista que a inquirira ao respecto: “tes máis información ca min”.

As cifras do Consello Político

Na rolda de prensa, os representantes da CUP deron conta do procedemento das votacións que tiveron lugar ao longo da reunión, que durou perto de cinco horas. Así, sinalaron que os membros do Consello Político e do Grupo de Acción Parlamentar son 67 e non 68, como se indicara no principio, e subliñaron que de haber pleno de investidura os dez parlamentares da CUP tirarían de abstención. Desta maneira, Mas contaría con 62 votos a favor –os de Junts Pel Si-, 10 abstencións da CUP e 63 votos en contra do resto dos grupos políticos.

Un dos escenarios votados na reunión de hoxe era darlle liberdade de voto aos dez deputados e deputadas. Porén, esta opción non contou con ningún voto a favor: rexistrou 60 en contra e 7 abstencións. Os resultados da opción que prosperou, a das 10 abstencións, recibiu 36 votos a favor, 30 en contra e 1 abstención.

Máis en Països Catalans
Comentarios