CONVOCARANSE NOVAS ELECCIóNS

A CUP di "non" á investidura de Mas

[ACTUALIZADA ÁS 16.45] Os perto de 70 membros do Consello Político da CUP decidiron non apoiar a investidura de Artur Mas, candidato de Junts Pel Si, como president da Generalitat. Esta decisión implica a convocatoria dunhas novas eleccións en Catalunya.

CXycGh-WkAAeScy
photo_camera [Imaxe: CUP]

Após o empate da asemblea nacional da CUP do pasado domingo, 27 de decembro, e das asembleas territoriais nas que se veu ratificar ese empate, o Consello Político da CUP, reunido en Barcelona, vén de acordar que os e as parlamentares da formación política non apoiarán Artur Mas como president da Generalitat.

Os membros do Consello Político necesitaron de cinco horas de debate para acordar que o líder de CDC non se manteña á fronte do Goberno catalán. Foi na segunda votación onde se acadou a maioría necesaria para que prosperase o "non" a investir Mas. O "non" (36 apoios ) superou o "si" (30 apoios) en seis votos. Nunha terceira votación, as persoas presentes acordaron expresar a negativa á investidura de Mas mediante a abstención dos e das parlamentares da CUP.

Novas eleccións en marzo

Todo semella apuntar á convocatoria dunhas novas eleccións en marzo, pois Junts Pel Si xa advertira en varias ocasións que non mudaría de candidato á Presidencia. O 10 de xaneiro, é dicir, o próximo domingo, é o derradeiro día que estabelece o estatuto para investir un presidente ou unha presidenta.

A partir do día 10 disólvese o parlamento e as eleccións fican convocadas de maneira automática. Segundo a lexislación, após a disolución da Cámara, os comicios deberían ter lugar 54 días após, o que significa que serían o 6 de marzo. De ser así, a campaña electoral comezaría a noite do 18 de febreiro.

Máis en Països Catalans
Comentarios