A CUP decide non concorrer ás eleccións ao Parlamento europeu

Non haberá coligación BNG-EH Bildu-CUP porque o parceiro catalán resolveu este domingo non concorrer ás eleccións ao Parlamento europeu. "Como non podía ser doutro xeito, respeitamos a decisión", din desde o Bloque.

cup
photo_camera cup

Fontes consultadas por Sermos Galiza indican que a decisión do Consello Político da CUP de non apresentar candidatura ás eleccións ao Parlamento europeu se adoptou  por unha maioría "moi axustada".

A CUP tomou esta determinación no seu máximo órgao de dirección, nesta mañá de domingo, após realizar arredor de 50 asembleas locais por todo o territorio do Principat.

Nun comunicado, a CUP explica que a súa decisión responde ao feito de que non ten observado "unha demanda específica por parte da maioría da esquerda independentista nen dos movimentos populares á hora de intervir no Parlament europeu".

A CUP resalta que "a diferenza doutros movimentos de liberación doutras nacións do Estado", en clara alusión a BNG e EH Bildu, decidiu "nesta ocasión" non concorrer a estas eleccións. É un movimento político que visa pór en evidencia que a UE é "un espazo antidemocrático".

A CUP valorizou tamén, á hora de resolver o debate, a "ausencia dunha axenda política concreta por parte do movimento popular a achegar ás institucións europeas".

Referendo en Solidaritat

Mentres tanto, e segundo avanza Nació Digital, Solidaritat Catalana per la Independència, o partido presidido por Núria Cadenas e que ten a Alfons López Tena como referente, vai convocar un referendo interno os días 15 ou 22 de marzo para fixar a súa posición a respeito dos comicios europeus.

Face a militancia, tres opcións: ir en coligación con forzas nacionalistas de Euskal Herria e Galiza, apresentar unha candidatura propia ou non concorrer ás eleccións europeas.

Máis en Països Catalans
Comentarios