A CUP convertiu en realidade o que semellaba un empate imposíbel

Aínda que todo parecía o contrario, a asemblea nacional convocada pola CUP para o pasado domingo non serviu para decidir se a formación política apoiará ou non apoiará a investidura de Artur Mas. O que parecía imposíbel, un empate perfecto, fíxose realidade e 1.515 persoas votaron polo si, mentres outras 1.515 persoas votaron polo non.

asem
photo_camera [Imaxe: @cupnacional]

A CUP volveu demostrar que dista de ser unha forza convencional. Toda Catalunya estaba pendente do que pasaría en Sabadell, onde estaban convocadas máis de 3.000 persoas que decidirían o futuro dun país. Estas máis de 3.000 persoas enfrontábanse a unha decisión histórica que rompería o equilibrio da balanza entre as correntes favorábeis a investir Mas como president e as correntes contrarias a facelo. Após dúas votacións –a última delas cun resultado axustadísimo- unha terceira votación non puido decantar o resultado para ningunha das dúas opcións que quedaban pendentes tras todo un día de reunión.

O voto secreto era interpretado por algúns analistas como unha oportunidade para as persoas partidarias do “si”

A asemblea comezaba pasadas as 9h e non foi até as 13.30h cando tivo lugar a primeira das votacións, todas elas en urna e non a man alzada, pois así o decidira o 40% das persoas participantes. O voto secreto era interpretado por algúns analistas como unha oportunidade para as persoas partidarias do “si”, ao afastalas da presión que suporía unha votación a man alzada.

Na primeira votación, na que participaron 3.008 persoas, o primeiro escenario –o que aceptaba a proposta política de Junts Pel Si e Mas como president- recibiu 1.359 votos, mentres que o segundo escenario –que rexeitaba a investidura de Mas e instaba a seguir negociando con Junts pel Si- quedaba con 1.418 votos. Desbotouse, así, o que era o cuarto escenario posíbel: o “non” á investidura de Mas e á abstención dos e das parlamentares para propiciar un acordo con outras forzas políticas.

Na segunda rolda de votacións, os resultados foron máis axustados que na primeira: 1.512 persoas amosáronse en contra de investir Mas president e 1.482, a favor

Aínda que todo apuntaba a que a segunda votación deitaría luz sobre o resultado, tampouco foi posíbel chegar ao 50%. Nesta segunda rolda o censo subiu a 3.042 persoas e os resultados foron aínda máis axustados: 1.512 persoas amosáronse en contra de investir Mas president e 1.482, a favor. Con só 28 votos caía o terceiro escenario, o que pretendía investir Mas pero rexeitar o plan do Junts pel Si. Estes resultados provocaron unha terceira rolda, que tivo lugar nun ambiente de moita tensión. Os resultados fixéronse esperar, e non era de estrañar após o empate a 1.515. Había 3.031 resultados posíbeis e a probabilidade de acabar en táboas era tan só do 0,03% se todos os votos fosen válidos. O que parecía imposíbel cumpriuse.

Agora haberá que agardar ao 2 de xaneiro para saber que decisión adopta o Consell Politic da CUP, no que participará o secretariado nacional e o grupo parlamentar. Previamente, haberá asembleas locais e comarcais que analizarán a situación que deixa o empate.

Anna Gabriel lánzalle a pelota ao tellado de Junts Pel Si

Na conferencia de imprensa posterior á asemblea, a parlamentar Anna Gabriel puxo de manifesto que Junts Pel Si “teñen agora a posibilidade de xerar unha nova proposta”, pois a coligazón de CDC e ERC “non ten a suficiente maioría”. Anna Gabriel instou a CUP a habilitar os espazos para “seguir debatendo” antes do día 2 de xaneiro.

Antonio Baños afirmou que “as aritméticas neste proceso son absolutamente diabólicas” e salientou a maneira de decidir da CUP fronte a quen “deciden pechados nun despacho”. O resultado do 27D “non significa escisión, senón debate”, concluíu o que fora candidato da CUP á Presidencia da Generalitat.

Máis en Països Catalans
Comentarios