NORA MIRALLES, DO SECRETARIADO NACIONAL

“A CUP aposta na ruptura a través da desobediencia co marco legal do Estado español”

Nora Miralles (Barcelona, 1987) fai parte do Secretariado Nacional da CUP (Candidatura d'Unitat Popular) e é a responsábel das Relacións Internacionais da organización, que este sábado 25 de xullo abriu a votación telemática para elixir as súas candidaturas para as eleccións do 27 de setembro. Visitou estes días Santiago para participar na Declaración de Bonaval, con BNG e Bildu. Fixo parte tamén dunha palestra no Festigal. Falamos con ela sobre o proceso soberanista e sobre as eleccións.

Nora Miralles
photo_camera Nora Miralles

-Que teñen de especial as eleccións do 27 de setembro?

En teoría, son unhas eleccións puramente instrumentais. Trátase dunha lexislatura que, en teoría -insisto, porque non temos nada claro que vaia ser así-, ten que durar 18 meses. Neste período poranse as bases dunhas estruturas de Estado e do proceso para a redacción dunha constitución, co fin de proclamar unha saída unilateral para lograrmos a independencia.

-En que punto se atopa agora o proceso soberanista?

Atopámonos diante dunha confrontación inaudita co Estado español. A vía autonomista está esgotada e hai unha abrumadora maioría polo dereito a decidir. Este é un escenario fantástico no proceso de transformación e ruptura para incluír os Països Catalans -a nosa nación- e non só unha rexión do noso país. Polo outro lado, o proceso de transformación social e nacional non pode facerse sen a asociación con outros pobos do Estado español e de Europa. Somos revolucionarios e, como tal, o internacionalismo debe ser base do programa de transformación.

-Cal é o proxecto das CUP para as eleccións en Cataluña?

As CUP presentámonos en solitario porque cremos que é a mellor maneira de sumar ao proceso soberanista, porque nós si que miramos cara ao proceso soberanista, que ten que ser liderado por organizacións civís e autónomas. En solitario, podemos atraer todo un espectro de xente a prol da independencia, pois somos unha bisagra entre o social e o nacional. Atraemos xente que nunca votaría independentismo ou que non o entendería de non ser polo proxecto das CUP.

Non vimos gobernar nin xestionar, senón a desmantelar unhas institucións que foron construídas coas ferramentas do amo e que nunca imos poder facer nosas

-En que basean a candidatura as CUP?

Nun programa nidiamente popular, anticapitalista e desde a rúa e os movementos sociais e, pola outra banda, en transformar a institución para poñela ao servizo do contrapoder desde a rúa. As CUP non vimos gobernar nin xestionar, senón a desmantelar unhas institucións que foron construídas coas ferramentas do amo e que nunca imos poder facer nosas. Queremos contribuír á construción da hexemonía do relato da rutura democrática -esgotáronse as vías da negociación- e propoñemos que a saída do Estado español sexa unilateral e baseada no lexítimo dereito a exercer a desobediencia das leis que non nos representan nin votamos. Defendemos un proceso popular constituínte no que a xente poida organizarse, así como un espazo onde se poida debater e construír a sociedade nova dos Països Catalans.

-Desde as CUP falan de rupturismo. A que se refiren?

Somos a única opción que declara de maneira nítida que é necesaria unha ruptura a través da desobediencia co marco legal do Estado español. Neste sentido, formulamos tres cuestións: a ruptura unilateral co Estado, a ruptura democrática co capitalismo e co patriarcado e un proceso constituínte que non consista nun grupo elixido polas elites para redactar a constitución, senón que sexa un proceso popular de base democrática no que a xente teña espazos para poder decidir.

-Que vos diferenza da candidatura de Junts pel Si?

Esta candidatura unitaria non é rupturista e busca ter forza nunha posíbel negociación ou confrontación dialogada co Estado español para lle demostrar que somos unha maioría independentista e que, polo tanto, debemos ter o dereito a decidir. As CUP, pola contra, formulamos que ese dereito non se pide, senón se exerce, polo que non temos que negociar nada co Estado español.

-Cal é a prioridade das CUP para o próximo Govern?

En primeiro lugar, un plan de emerxencia social que evite situacións de pobreza infantil e os desafiuzamentos, amais de fomentar a transparencia e a participación. A nivel nación, hai que ter en conta que se abre o mellor escenario que tivemos desde a transición e que hai forzas de esquerda e rexionalistas que van axudar a levantar a autoestima de todas as rexións dos Països Catalans co fin de que abandonen o autoodio e recuperen os valores culturais e idiomáticos. Partimos dunha situación fantástica para construír de maneira coordinada un proceso común de construción nacional cun proxecto único en todo o país.

-Que resultados esperan o 27 de setembro?

Non temos dúbida de que a lista do “si” vai ser a maioriataria, aínda que descoñecemos en que grao, se vai ter maioría simple ou se vai poder gobernar. Ademais, demostrarase a forza do relato da terceira vía, que é a que quere rexenerar o Estado español.

Non vai ser fácil nin pouco traumático, aínda que algúns teimen en facernos crer o contrario

-Será Catalunya independente?

Se é o que as maiorías sociais queren é o que imos ser. Imos ser independentes a nivel nacional, o problema é como conseguilo e cal será a reacción do Estado español. Non vai ser fácil nin pouco traumático, aínda que algúns teimen en facernos crer o contrario.

-Como xurdiu a “Declaración de Bonaval” asinada entre o BNG, EH-Bildu e as CUP en defensa da soberanía?

Foi unha proposta do BNG e nós, evidentemente, participamos de todas as iniciativas comúns que propoñan os pobos irmáns. É máis importante que nunca a coordinación dos pobos do Estado de cara a sumar forzas para a confrontación que moi probabelmente se levará a cabo proximamente e para evitar que isto non quede nunha reforma constitucional que lle poña couto ás necesidades de soberanía. É necesaria a colaboración fronte ás agresións que sufrimos e sufriremos e non só Catalunya; tamén Galiza como nación absolutamente colonizada ou Euskal Herria polo cero apoio ao proceso de paz.

Máis en Països Catalans
Comentarios