A CUP adía ao domingo a decisión sobre a investidura de Mas

Aínda que estaba previsto que se reunise o sábado, o atraso na toma de decisións nas principais estruturas da CUP obrigou a adiar ao domingo a reunión do Consello Político que someterá a votación definitiva a investidura de Mas.

CUP catalunya asemblea

O atraso na toma de decisións nas principais estruturas da CUP, após o empate da asemblea nacional da pasada semana, supuxo o aprazamento até o domingo da reunión do Consello Político que adoptará a determinación definitiva en relación á investidura de Artur Mas como president. Así, en lugar de se reunir o sábado, 2 de xaneiro, como estaba previsto inicialmente, a xuntanza terá lugar o domingo, 3 de xaneiro, en Barcelona, segundo informa Nació Digital.

O aprazamento vén motivado polas reunións que mantiveron o Secretariado Nacional e o Grupo de Acción Parlamentar –os dous principais organismos da candidatura a nivel nacional-, que mantiveron xuntanzas a segunda feira, 28 de decembro, e tiveron que continualas a terza feira, 29 de decembro, co fin de consensuar as opcións a debater.

No Consello Político do domingo, amais de participaren o Secretariado e o Grupo de Acción Parlamentar, participarán representantes das asembleas territoriais. No día de hoxe, 2 de xaneiro, reuniranse as 13 asembleas territoriais nas que se estrutura a CUP para decidir entre dúas opcións: permitir a investidura de Mas na segunda volta ou evitala. A decisión das asembleas locais trasladarase ao Consello Político de mañá.

Así, non será até o domingo, 3 de xaneiro, cando se coñeza se a CUP apoia a investidura de Mas como president ou se aposta na convocatoria dunhas novas eleccións que terían lugar en marzo.

Máis en Països Catalans
Comentarios