Convergència: “O proxecto político de CiU acabou”

O coordinador xeral de CDC afirma que Convergència e Unió non seguirán xuntos. “É un camiño de non retorno” dixo Jossep Rull, matendo a aposta independentista.

Mitin CiU en Badalona
photo_camera Mitin CiU en Badalona

Convergència dá por acabada CiU. Así o asegurou o coordinador xeral de CDC, Josep Rull, nunha comparecencia esta quinta feira perante os medios: “o proxecto político de CiU acabou”. Non concorrerán xuntos ás eleccións, avanzou, e dixo que esa separación era un “camiño de non retorno”. CDC enceta a partires de agora unha nova etapa “apaixonante, trepidante”.

Rullo recoñece que a fin de CiU chega polas discrepancias nun “tema de fondo” como é o proceso soberanista. CDC aposta no ‘si-si’, é dicer, na independencia. E UDC amósase moi renuente a esta vía, se ben unha parte importante da súa militancia (o 45%, segundo se plasmou no referendo interno) está pola independencia. Así que, di Rullo, o mellor é que cada un dos partidos siga o seu propio camiño para que nas eleccións “se clarifiquen os proxectos de cara aos cidadáns”.

Unió decidiu esta cuarta feira abandonar o Govern. No marco desta ruptura a vice-presidente Joana Ortega, o conseller de Interior, Ramon Espadaler, e o conseller de Agricultura, Josep Maria Pelegri, sairán do Govern aínda que apoiarán o executivo de Mas en aras da estabilidade. No ar fica tamén a situación do grupo parlamentar de CiU no Congreso español. Desde CDC poñen en cuestión a continuidade de Durán i Lleida como voceiro dos nacionalistas catalás.

Máis en Països Catalans
Comentarios