APóS O EMPATE DA ASEMBLEA NACIONAL

O Consello político da CUP tomará a decisión definitiva sobre a investidura de Mas

O Consello Político da CUP reúnese hoxe (domingo, 3 de xaneiro) para desempatar o resultado da asemblea nacional do pasado domingo (27 de decembro) e decidir se finalmente inviste ou non Artur Mas como president. Nas asembleas territoriais do sábado confirmouse a división.

CUP
photo_camera CUP

Após adiar un día a reunión, o Consello Político da CUP decidirá hoxe definitivamente se apoia a investidura de Mas e, en consecuencia, se pon en marcha a lexislatura que remataría coa proclamación da independencia ou se aposta en convocar automaticamente outras eleccións para o mes de marzo.

A decisión está agora en mans do Consello Político da CUP, que manterá unha reunión en Barcelona, após o empate da asemblea da semana pasada en Sabadell e das asembleas territoriais que tiveron lugar no día de onte. A forza política non quixo informar dos resultados exactos das votacións de onte, mais diversos medios de comunicación informan de que gañaría o “si” pola mínima. Hai que ter en conta que a escasa marxe coa que gañaría o “si” sería contrarrestada co “non” do que é partidario o Grupo de Acción Parlamentar.

O órgano de dirección desta formación política someterá hoxe a debate e votación dúas opcións que se reconducen ás dúas posibilidades, investir Mas ou impedir a súa investidura. Sexa cal for o resultado, dada a división interna da CUP, a lexislatura parlamentar ficaría con falta de estabilidade.

Estas son as dúas opcións propostas pola Dirección:

  1. A abstención dos dez parlamentares ou o voto a favor de cinco deles e o voto en contra dos outros cinco –para impedir a investidura.
  2. Dous votos a favor da investidura e oito abstencións –para facer prosperar a investidura de Mas plasmando a defensa da independencia e dun proceso constituínte e popular e da oposición á continuidade das políticas de recortes e privatizacións

Como funciona o Consello Político?

Cada unha das 13 asembleas territoriais nas que se estrutura a CUP delega entre tres e seis membros en función do número de militantes (cun delegado extra por 150 militantes), por número de comarcas (6), por número de concelleiros (10) e por número de asembleas locais (15). Tres é o número mínimo de delegados e seis é o máximo. Ademais, os votos dos representantes territoriais ao Consello Político son ponderados segundo a diversidade de opinións que existan nas asembleas locais.

No Consello Político que ten lugar hoxe tamén participa o Grupo de Acción Parlamentar, a ferramenta na que conflúe o traballo de base da CUP e a súa expresión parlamentar. A súa convocatoria aos consellos políticos ten lugar cando se deciden cuestións relativas á investidura, aos orzamentos e ao proceso cara á independencia. Ademais, participa o secretariado nacional, órgano colexiado de coordinación da organización e de xestión política que está formado por 15 membros elixidos en asemblea.

Máis en Països Catalans
Comentarios