Un condutor valenciano que se negou a falar en español coa Garda Civil, condenado a prisión

Foi absolvido en primeira instancia, mas, após un recurso do fiscal, a Audiencia acaba de revogar a sentenza. Nun control rutinario da garda civil, en Almassora (provincia de Castelló), Carles Mateu Blay, catalán-falante, fora retido durante 3 horas por dous axentes por se negar a falarlles en español.

gardas civís
photo_camera Imaxe da parella de garda civil, fotografada polo propio Carles Mateu

De acordo coa información que publica Vilaweb, Carles Mateu Blay foi condenado a 6 meses de prisión baixo o cargo de desobediencia á autoridade, con pena aparellada de retirada do carnet de conducir por espazo dun ano e un día.

En primeira instancia, Mateu gañou o xuízo, mais o fiscal recorreu e a Audiencia Provincial acabou por o condenar. Mentres, a denuncia que o conductor apresentou contra os gardas civís por "denuncias falsas" foi arquivada. En declaracións a VilaWeb, Mateu afirmou: "É unha situación surrealista, pasei de ser a vítima a ser o delincuente".

Os dous gardas civís conminaron a Carles Mateu a falarlles en español. El negouse, alegando os seus dereitos lingüísticos. A Audiencia estima que non, que non o fixo por salvagardar os seus dereitos, senón como unha estratexia para gañar tempo antes de se submeter ao control de alcoholemia.  Realmente surrealista. O control deu negativo. Mateu xulga esta interpretación da Audiencia como "sinxelamente inacreditábel".

O xuíz de primeira instancia deu a razón a Mateu despois de escoitar o testemuño dun garda civil que negou as acusacións vertidas polos seus compañeiros contra o condutor.

Os feitos

A historia decorreu un 21 de decembro do pasado ano, nun control rotineiro á saída de Almassora, provincia de Castelló, após as 17 horas. Mateu foi parado por unha patrulla da garda civil para un control de alcoholemia. El ía recoller un seu fillo á escola.

"Decateime de que lles proía que eu lles falase en valenciano e non cambiase de lingua. Mais non me imaxinaba que puidese acabar así. De feito, podo dicer que me retiraron o carnet de conducir por ter falado en valenciano. É escandaloso e intolerábel", di.

O condutor relata que desde ese momento os gardas civís se dedicaron a o vexar. Retivérono durante 3 horas. Cando chegou a casa, di, fíxoo "con tres denuncias falsas que suman mil euros e, curiosamente, doce puntos do carnet de conducir".

Mentres estivo retido, e segundo o seu testemuño, aturou millenta insultos e mesmo máis dun empurrón. Obrigárono a agardar dentro do coche até a chegada do axente responsábel dos atestados. Cando este se personou no lugar, a parella que o retivera liscou. Este terceiro garda civil é o que prestou testemuño a favor do cidadán valenciano no xuízo realizado en primeira instancia.

As denuncias interpostas polos dous gardas civís contra Mateu foron por, pretensamente, non levar o cinto de seguranza, non usar o chaleque reflectante e negarse a se submeter ao control de alcoholemia. "Caeume o mundo enriba. Era todo falso!! Díxenllo ao axente responsábel dos atestados e el contestoume que non dependía del, mas viu que eu levaba o chaleque posto e loxicamente o resultado das probas".

Máis en Països Catalans
Comentarios