O PSC comeza a marcar distancias coas forzas soberanistas catalás, embora ter escenificado no Congreso unha posición supostamente autónoma a respeito do PSOE. Carme Chacón, a líder fáctica do PSC e aspirante a relevar a Rubalcaba, obtivo o que cobizaba. O PSC abandonou a Cimeira polo Dereito a Decidir -realizada hoxe no Palau da Generalitat por espazo de dúas horas- sen atarse a ningún acordo coas forzas soberanistas.
As forzas políticas que tomaron parte na Cimeira -CiU, ERC, Iniciativa per Catalunya, PSC, a CUP- acordaron dar traslado das súas distintas propostas a un documento que servirá como alicerce teórico do Pacto Nacional sobre o Direito a Decidir.
O PSC condiciona a súa efectiva participación no PNDD a que CiU acceda a que se suprima o Consello Asesor para a Transición Nacional por considerar que a súa composición é moi tendenciosa e favorábel ás teses independentistas.
O PSC pide a CiU que acceda a suprimir o Consello para a Transición Nacional por o considerar moi tendencioso e favorábel á independencia
Ao termo da Cimeira, Pere Navarro, primeiro secretario do PSC, declarouse moi "decepcionado" polo contido da reunión.
"O PSC é o único partido desta reunión que non quer separarse de España. E estamos moi preocupados polo que temos visto nesta cimeira. Temos un goberno que non é neutral. Un goberno que antes de consultar os cidadáns pon en marcha estruturas de Estado. A composición do Consello Asesor da Transición Nacional é para ir á independencia. Pido a Mas que sexa neutral. O Goberno non pode actuar como se xa fixese a consulta", dixo.
O porta-voz do Goberno catalán, o converxente Francesc Homs, preferiu ver, en troca, os pontos de acordo. Sinalou que o denominador común de todas as forzas que participaron na cimeira é a defensa do dereito que asiste á nación catalá a decidir. Niso hai acordo. No exercicio dese direito, non. As forzas soberanistas quéreno exercer en dirección á independencia, o PSC en dirección a ficar no Estado español.