ARTUR MAS, PRESIDENT DA GENERALITAT

"O día 9 de novembro haberá locais abertos, haberá urnas e haberá papeletas"

Artur Mas anuncia que a Generalitat mantén a consulta do día 9 mais non en base ao decreto de convocatoria que asinara. Ponse a disposición dos partidos pro-consulta para convocar unhas eleccións ordinarias mais con "lista conxunta e programa común" que as convertan en plebiscitarias.

Artur Mas [Imaxe NAIZ]

Artur Mas anunciou que o 9 de novembro haberá consulta, mais non será en base ao decreto asinado polo president e suspendido polo Tribunal Constitucional, e será un test previo do que el propio cualificou de "consulta definitiva", que serían unhas eleccións plebiscitarias, "o que máis teme Madrid".  O mandatario catalán dixo que se poñía a disposición dos partidos pro-consulta para esas eleccións ordinarias "convocadas polo president e cunha lista unitaria e programa conxunto" que faga delas o verdadeiro referendo. 

Mas insistiu en varias ocasiónas na súa intervención na importancia de que a xente participe e manteña aceso o proceso do "dereito a decidir". Criticou o inmobilismo do Estado español e asegurou que "o pobo catalán poderá votar o día 9". Como? O president garantiu que haberá "locais abertos, urnas e papeletas" para que as e os cidadáns poidan "responder á pregunta acordada no seu día". Mobilizará 20.000 voluntari@s. Crearase un órgano que supervise o proceso e a votación e os resultados coñeceranse o 10 de novembro. E farao, apuntou, empregando marcos legais pre-existentes que lle dan competencia en participación cidadá.

Mais Artur Mas lembrou, e fíxoo en máis dunha ocasión, que esta consulta non é a "definitiva", se ben si que é importante ("En Madrid preocupa que ese día vaia moita xente votar"). A consulta definitiva, "con plenas e totais garantías" só pode facerse a través dunhas eleccións ordinarias que se transformen en plebiscitarias ao apostar as forzas pro-consulta por ir nunha lista unitaria e programa conxunto. E Mas dixo que se poñía a disposición do resto das forzas para explorar esa vía. E lembrou:  "Eu non podo convocar eleccións plebiscitarias. Han ser os partits que se convenzan de que servirán para facer o referendo".

Así foi o Minuto a minuto

10:40.  O president lembra os rápidos pasos segudos polo Estado español e o Tribunal Constitucional. "Lo nunca visto", di, en español..

10:38. "O noso propósito é que a xente vaia votar. Se houbese un Estado español diferente a este que temos non faría falla unhas eleccións (plebiscitarias) para poder votar sobre o noso futuro", indica Mas, pois habería consulta en base ao decreto. "En Escocia todo isto non fixo falla". 

10:35 Recoñece Mas que nas xuntanzas das formacións pro-consulta houbo diferencias e diverxencias. E que houbo partidarios de manter a consulta en abse ao decreto asinado polo president. "Mais iso xa non serve".

10:27. Quenda de preguntas das e dos xornalistas.

10:24. "O éxito do dereito a decidir, da soberanía para Catalunya pasa por unha moi alta participación. En Madrid preocupan 2 cousas. Que moitos cataláns participeno 9N e que algún día se convoquen eleccións que se transformen en referendo".

10:22. "O adversario real é o Estado español, eu non me confundo de adversario. É o Estado o que impide que o pobo catalán sexa consultado. Sublíñoo agora que o consenso político é máis feble. É o Estado quen fai todo o posíbel para nos impedir votar".

10:21. "O instrumento que máis temen en Madrid son unhas eleccións convocadas polo president cuns partidos con candidatura unitaria e programa conxunto" en defensa do referendo, da "consulta definitiva" afirma Artur Mas. "Estou a disposición dos partidos", manifesta Mas.

10:20. "Non é a consulta definitiva. Esa só se pode facer con plenas e totais garantías só se poden facer en eleccións que se transformen nun referendo de facto".

10:19. "O pobo catalán será consultado sobre o seu futuro político".

10:18. "As noticias excelentes duran só unhas poucas horas" afirma Mas en referencia á frase de Rajoy sobre a suspensión da consulta ("É unha nova execelente"). Crearase un órgano para supervisar a consulta e os resultados coñeceranse o día 10.

10.17. "Todo o que queira votar poderá facelo e responder á pregunta acordada no seu día polas forzas pro-consulta"

10:16. "Prepararemos toda a loxística necesaria para que os cidadáns poidan votar o 9N: mesas, colexios, locais, voluntarios..." "Todos os locais que se abrirán para votar pertencen á Generalitat"

10:15. "A Generalitat acudirá a marcos legais pre-existentes que nos dan competencia en materia de participación cidadá. Somos competentes para facer procesos de participación cidadá".

10.14. "A consulta non se fará de acordo co decreto que asinei, pola decisión do Tribunal Constitucional". 

10:13. "O goberno catalán mantén o obxectivo de facer a consulta o 9N. Haberá urnas e haberá papeletas. Toda poboación maior de 16 anos poderá ir aos locais con urnas"

10:12 "O goberno está decidido a seguir adiante, facer consulta e facela o 9N. Agora explicarei como"

10:11. "O consenso político é basico para poder superar retos tan grandes e maiúsculos"

10:10. "É unha convocatoria con certa urxencia", recoñece. "Hai dez días decidimos nunha reunión os partidos pro-consulta seguir adiante xuntos. Neses dez días fixemos todo o posíbel".

10:08 Artur Mas xa na tribuna

10:03. Informan dun leve retraso no inicio da comparecencia do president. Aceptará preguntas

9:00. Nun encontro en Madrid organizado polo 'Financial Times' Mariano Rajoy afirmou que agarda a escoitar a comparecencia de Artur Mas, mais que a retirada da consulta é unha "excelente nova" e fixo unha loa da Constitución espoañola.

Máis en Països Catalans
Comentarios