CiU perde 12 escanos fronte ao avanzo do soberanismo de ERC e as CUP

Os resultados electorais en Catalunya deixan a CiU con 12 escanos menos e a ERC como segunda forza. O electorado apostou polo soberanismo e castigou a política de recortes de Artur Mas.

Como prognosticaban os inquéritos a pé de urna publicados após o peche dos colexios electorais, ERC convértese na segunda forza parlamentar con dez escanos máis a respecto dos obtidos nos comicios 2010. Pola súa banda, CiU perde doce deputad@s e sitúase entre as formacións que máis descenden xunto co PSC que pasa de 28 a 20 escanos.  O electorado catalán, castiga así a Artur Mas pola política de recortes desenvolvida durante o seu mandato malia os intentos da coalición por centrar o discurso político de campaña na independencia de Catalunya. No entanto, os resultados electorais amosan unha forte aposta polo soberanismo co ascenso de ERC e a entrada das CUP que ocuparán 3 escanos no arco parlamentar.

O Partido Popular liderado por Alicia Sánchez Camacho, consegue un escano máis e fica finalmente con 19 representantes. Ciutatans sobe 6, entrementres ICV-EU consegue 3 escanos máis.

A participación nesta xornada electoral aumenta máis de dez puntos porcentuais (69,49%) fronte aos comicios de 2010 en que exerceu o seu dereito a voto o 58,78% do electorado catalán. 

Primeiras reaccións após os resultados do #25N

Artur Mas lanza no seu discurso após coñecérense os resultados electorais,  un chamamento a ERC e asegura que calquera fórmula de goberno pasa por CiU. Malia o descenso no número de representantes parlamentares o candidato de Convergencia amosouse satisfeito pola vitoria e argüiu que a perda de representación parlamentar se debeu ás mudanzas no programa electoral presentado que introduciu cuestións “non habituais nos programas de CiU” . Doutra banda,  ICV-EU asegura que a vitoria de CiU “é a derrota dos seus obxectivos políticos” e parabeniza a Catalunya porque, di, “a esquerda ten hoxe un mellor contexto para construír a alternativa”.

Pola súa banda, Pere Navarro, afirma que o PSC debe o seu descenso electoral ao momento que vive actualmente a formación “de re-encontro con moitos sectores” porén, asegura que os escanos obtidos finalmente son mellores que “as espectativas orixinais”. Alicia Sánchez Camacho bate contra o “separatismo” e acusa a Mas de “paralizar o país” coa convocatoria electoral cuxos resultados, afirma,  reflicten a derrota do proxecto de CiU convertendo a Artur Mas, “no gran perdedor das eleccións”. 

Oriol Junqueras (ERC): "O bloque soberanista saiu claramente reforzado"

Con “mestura de alegría e preocupación” presentouse Oriol Junqueras diante dos medios de comunicación para valorar a maior subida das candidaturas presentadas das eleccións catalanas, de 10 a 21 escanos. O representante da cal será segunda forza do Parlamento catalán valorou a alta participación que avala, ao seu ver, que o pobo catalán se “pronunciou con claridade” no apoio ao proxecto que conducirá á “independencia”. “De feito, o bloque soberanista saiu claramente reforzado, e dentro deste bloque os máis fortalecidos foron os que falaron máis claramente de indepenencia, que fomos nós” sinalou Oriol Junquera., destacando a súa vez que no bloque soberanista gañaron “aqueles que puxeron o acento máis social, que falaron da necesidade de construír unha alternativa máis xusta e eficaz para o noso país”. 

“Quixese recordar que non só hai unha recomposición no bloque soberanista senón nas forzas do amplo espectro do centro esquerda deste país” facendo referencia ao paso do PSC a terceira forza fronte a subida da súa forza política.

As CUP aseguran que serán o “cabalo de Troia das clases populares”

A formación soberanista que foi a sorpresa da xornada electoral con 3 escanos, afirmou após coñecérense os resultados que @s 3 representante obtid@s “son un avanzo mais non son garantía de nada”. Porén, o seu candidato por Barcelona amosouse satisfeito polos resultados obtidos porque “conseguimos o obxectivo” coa entrada ao Parlament. Aliás, acrecentou que serán “o cabalo de Troia das clases populares” na Cámara catalá salientando que “non hai liberación nacional sen liberación social”. A respecto do president en funcións, Artur Mas, Fernández apuntou que este deberá ter en conta que “pechar hospitais e escolas non é gratuíto”. 

Máis en Països Catalans
Comentarios