CiU, ERC, ICV e CUP encetan os trámites para levar o referendo soberanista ao Congreso

Presentan unha proposición de lei a través do Parlament de Catalunya para demandar do Estado español a transferencia das competencias precisas para a convocatoria do referendo como o "mecanismo idóneo" para coñecer "a vontade popular" a respeito do futuro do Principat

[Imaxe: VilaWeb]
photo_camera [Imaxe: VilaWeb]

As forzas soberanistas que acordaron a pasada quinta feira a data de celebración da consulta pola independencia, veñen de iniciar o percorrido lexislativo preciso para que o referendo se desenvolva o vindeiro 2014. Así, a través dunha Proposición de lei impulsada polo Parlament de Catalunya --CiU, ERC, ICV e CUP suman máis do 64% dos escanos-- demandan do Estado español a transferencia das competencias precisas para a convocatoria da consulta, un trámite que debe darse de acordo co estabelecido polo ordenamento xurídico español --o artigo 149.1.32 da Constitución de 1978 reserva ao Estado a autorización da convocatoria de consultas populares a través da vía do referendo. 

Un principio democrático 
Neste senso, as forzas políticas que apoian o proceso de autodeterminación catalán explican na exposición de motivos as razóns que levan ao poder lexislativo catalán a requerir a aprobación española desta lei alicerzadas no "principio democrático" que, din, representa "un dos valores esenciais do noso marco xurídico e político" mais tamén, no dereito do pobo catalán a participar "nos asuntos públicos". 

O Parlament lembra que o Estatut e a Constitución recollen o dereito da cidadanía a participar "nos asuntos públicos"

Desde estas premisas, o Parlament de Catalunya demanda do Estado a capacidade para que a Generalitat convoque a consulta popular como "mecanismo idóneo", afirman, para coñecer a vontade popular a respeito do futuro do país. Pois, lembran, "o pobo de Catalunya, ao longo da súa historia manifestou a súa vontade de auto-gobernarse co obxectivo de potenciar o progreso, o benestar e a igualdade de oportunidades dos cidadáns e cidadás". 

Coñecer a vontade popular 
Aliás, sinalan que outros Estados do mundo xa apoiaron procesos de autodeterminación semellantes como Gran Bretaña (Escocia) ou Canadá (Quebec), como resposta ás "demandas formuladas por unha comunidade nacional vencellada a un territorio claramente delimitado política e administrativamente". 

O artigo 149.1.32 da Constitución reserva ao Estado a autorización da convocatoria de consultas populares

Así é que a Proposición de lei --presentada para a súa tramitación como leitura única, un proceso máis áxil-- demanda nun único artigo, delegar á Generalitat de Catalunya "a competencia par aautorizar, convocar e celebrar un referendo consultivo para que os cataláns e catalás se pronuncien sobre o futuro colectivo de Catalunya".

Neste senso, a consulta há de se desenvolver "antes de rematar o 2014" --a data acordada sería o 9 de novembro-- e terá lugar de acordo co procedemento fixado polo propio Govern. 

Máis en Països Catalans
Comentarios