CiU comeza as negociacións para o futuro goberno

Como forza máis votada nestas eleccións CiU comeza as entrevistas cos partidos políticos que obtiveron representación despois do 25N. ERC aposta por apoiar a Mas "con condicións" e desde fóra, entrementres PSC e PPC rexeitan calquera acordo. Pola súa banda, ICV propón unha "fronte de esquerdas" e Ciutadans demanda a dimisión de Artur Mas, As CUP convocarán asembleas para definir a súa estratexia.
Valoración dos resultados da CUP
photo_camera Valoración dos resultados da CUP

Dous días despois e cos resultados electorais dixeridos polos partidos políticos, a CiU tócalle presentar a súa proposta e negociar a investidura de Artur Mas antes do remate de ano. Precisa o apoio dunha maioría absoluta, neste caso chegaría cos votos favorábeis de ERC, PSC ou PPC, ou a abstención de dúas formacións en segunda convocatoria, en que valería unha maioría simple.

Artur Mas centrou a valoración do seu partido nestas eleccións en achegar posturas coa oposición, agora representada por ERC. "As urnas déronos un liderado significativo, mais non único, e por iso temos que ir acompañados". Para CiU o mandato d@s votantes foi realizar a consulta popular e lembrou que case 2/3 partes das forzas parlamentares estar a favor que se celebre. A resposta de ERC tendeu pontes coa mensaxe de Oriol Junqueras de que "a vontade de Esquerra Republicana de chegar a acordos con aqueles partidos que teñan unha axenda nacional clara". O xefe da oposición apuntou que pode apoiar a investidura sen formar goberno e procurando "un cambio de política económica, trasladando a presión fiscal sobre aqueles sectores que máis se beneficiaron coa crise e facendo un esforzo para poñer recursos en sectores que nos axudaran a saír da crise".

A favor do referendo desde a esquerda

Oriol Junqueras apuntou na súa valoración dos resultados que "a independencia é necesaria para mellorar a calidade de vida da nosa cidadania e poder afrontar a crise con garantías". A outra forza política que incrementou a súa presenza no Parlamento catalán, ICV-EV, e a que accedeu por primeira vez, a CUP, reafirmáronse na petición dun referendo popular.

O lider de ICV-EV, Joan Herrera, rexeitou calquera achegamento a CiU e propuxo "unha fronte común en contra dos recortes, e polas políticas de redistribución" mais apoiou "un grande acordo polo dereito a decidir" sempre que xurda do propio Parlamento.

A CUP pensa "manter a mobilización na rúa" posto que "@s deputat@s en si propi@s, aínda que sexan un adianto considerábel, non son garantía de nada”. David Fernàndez, primeiro candidato pola provincia de Barcelona, asegurou que a prioridade para a formación independentista vai ser a celebración dun referendo e ter en conta que podan figurar nel os territorios dos Països Catalans.

Unionistas e federalistas insisten na derrota de Mas

As tres forzas que centraron a súa campaña na idea de que CiU quería "romper España", PPC, PSC e Ciutadans, valoran os resultados pola non consecución de maioría absoluta de Artur Mas.

Alícia Sánchez-Camacho, do PPC, pídelle a CiU que "abandone o seu proxecto rupturista” e asegura que a súa formación pasou "dunha posición residual a unha posición central e decisiva na política catalá”. Albert Rivera, líder de Ciutadans, quere que CiU "mude de candidato" para esta candidatura e que poña a outro presidente que "pense en todos os cataláns".

O PSC, despois da derrota da súa aposta federalista, rexeita calquera tipo de acordo con CiU. "Non se dan as condicións", asegurou nunha entrevista radiofónica hoxe Pere Navarro, o líder desta formación. Navarro deixou claro a imposibilidade de calquera pacto ao lembrar que CiU "é de dereitas e independentista e nós somos de esquerdas e federalistas”.

Máis en Països Catalans
Comentarios