CiU recúa e di que a consulta sobre un estado independente pode ser adiada

Josep Antoni Duran i Lleida prioriza as decisións de goberno á consulta popular sob o dereito a decidir de Catalunya da que di "pode facerse dentro dun, dous, tres ou catro anos". ERC denuncia que p secretario xeral de CiU quere "frear e sabotear" o referendo.
photo_camera Artur Mas e Duran i Lleida Imaxe:CiU

O voceiro de CiU no Congreso español, Josep Antoni Duran i Lleida, asegurou a pasada terza feira que a consulta popular --que marcou o discurso da formación e a campaña electoral catalá-- podería agardar "un, dous, tres ou catro anos". Para o deputado de CiU, a prioridade após coñecérense os resultados electorais está na conformación dun goberno que "non vai ser doado", aseveraba Duran. Aliás, o líder de Unió recoñecía que a responsabilidade da consulta --fortemente respaldada pola cidadanía a través da urnas-- deberá vir respaldada por outras forzas políticas. Para Duran i Lleida, o que Catalunya precisa arestora é un goberno que faga fronte ás cuestións "do día a día", a partir de aí, dixo, "virán outras cousas".

ERC recibiu as verbas de Duran i Lleida como un freo ao proceso de autodeterminación de Catalunya

O apoio masivo amosado polo electorado catalán aos proxectos soberanistas --e de esquerdas--, que asemade pulaban pola consulta nos seus programas electorais fixo que ERC interpretase as verbas pronunciadas polo deputado de CiU como un "freo" ao proceso de autodeterminación. Neste senso, Alfred Bosch, deputado no Congreso español por ERC considerou que as declaracións do líder de Unió, supuñan unha "dificultade" á hora de chegar a un "acordo estábel" entre ambas as dúas formacións, ao tempo que contrariaban o "mandato democrático que lle outorgaron os cataláns nas urnas". Aliás, lembroulle a Duran i Lleida que máis de dous millóns de persoas lle demandaran na Diada a aprobación, por parte do Parlament, dunha resolución pola que se comprometía a desenvolver unha consulta popular a prol da creación dun novo Estado en Europa. De non facelo, preguntouse Bosch, "onde están os votos, a confianza e o apoio para impedir o dereito a decidir dos cataláns?"

Máis en Països Catalans
Comentarios