COMEZA A CAMPAÑA

CIS prognostica unha maioría absoluta axustadísima das forzas independentistas o 27S

As plebiscitarias do 27S deitarían un Parlamento favorábel á independencia, mais apenas por un ou dous escanos. A relación entre independentistas e unionistas ficaría como moito en 69-66. A maioría absoluta son 68 asentos.

romeva Catalunya
photo_camera Raül Romeva, cabeza de lista de Junts pel Sí

Esta noite comeza a disputa eleitoral e todo está por decidir. O inquérito do CIS indica a este respeito que un 25% das persoas con dereito a voto non teñen claro que opción tomar.

A enquisa do CIS, en calquera caso, non difire no substancial doutros estudos xa publicados. Isto é, o bloco soberanista -a adición de Junts pel Sí e a CUP- ultrapasaría a liña vermella dos 68 asentos no Parlament. O CIS prognostica para Junts pel Sí o 38% do voto e 60 ou 61 escanos, en tanto que a CUP obtería o 6% das papeletas e 8 escanos.

Canto ao unionismo, a forza política que vai en cabeza é Ciutadans, co 15% do voto e unha perspectiva de 19-20 actas. Ten moi ao seu carón a Catalunya si que es Pot (a lista na que vai Podemos), que ficaría en terceira praza con 14% dos sufraxios e entre 18 e 19 deputadas e deputados. Hai, por tanto, un práctico empate técnico entre estas dúas formacións.

Derrota do bipartidismo

O bipartidismo español sofre unha nova derrota en Catalunya. O PSC obtén o seu peor resultado histórico, 12 escanos e entre 16 e 17 parlamentares, en tanto que o PP fica por baixo dos dous díxitos en percentaxe de voto (apenas o 9%) e colleita 8 escanos.

Unió Democràtica, o partido que acaba de abandonar a compañía de Convergència, o seu socio histórico de ticket eleitoral, ficaría fóra do Parlament cun castigo eleitoral considerábel. A súa aposta na terceira vía só recollería o 1,5% das papeletas.

Canto ao unionismo, a forza que vai en cabeza é Ciutadans, mais en virtual empate técnico con Catalunya si que es Pot

A actual composición do Parlament é CIU, 50 escanos; ERC, 21; PSC, 20; PP, 19; ICV, 13; Ciutadans, 9; CUP, 3.

Calquer comparación entre este Parlament e o que xorda do 27S ten que tomar en consideración que nos anteriores comicios cataláns CiU non comparecía cun programa independentista. Por tanto, as magnitudes non son politicamente comparábeis. De ter razón o CiS na súa prospección, Catalunya elixiría este 27S o primeiro Parlament independentista da historia do Principat.

Máis en Països Catalans
Comentarios