"Os cidadáns serán chamados a votar, dunha maneira ou doutra"

O president da Generalitat, Artur Mas, emprazou Rajoy a procurar unha outra alternativa "atractiva para Catalunya" mais asegurou que a cidadanía catalá votará sobre o seu futuro colectivo quer nunha consulta sobre a independencia, quer nunhas eleccións plebiscitarias "e totalmente legais" ao Parlament en 2016. 

Artur Mas
photo_camera Artur Mas

O president da Generalitat de Catalunya, Artur Mas, sinalou nunha entrevista televisiva esta mesma semana que a súa resposta no referendo sobre a independencia será 'Si/Si' e mesmo se gabou de ter sido el "só" quen redactou a pregunta final baixo a influencia da inspiración que lle deu o "6 de decembro", día do 35º aniversario da Constitución española. 

Mais para alén dos mitos, Artur Mas falou das posicións do Estado español, das súas propias e do futuro de Catalunya nunha conversa emitida pola canle pública. Neste senso, o president emprazou a Mariano Rajoy a achegar unha proposta alternativa a actual pregunta que resulte "máis atractiva" para Catalunya pois dixo, "en Catalunya sabemos o que queremos, cando e como. E eles?", preguntou o president en relación ao Estado español. 

"No mundo democrático, iso non se entende"

Para o líder de Convergència Democrática a negativa do goberno español a negociar e a pactar un proceso de consulta popular, "non se entende" no "mundo democrático" e mesmo se amosou disposto a aceptar un acordo como o alcanzado entre Gran Bretaña e Escocia pois di, poderían achegar posturas se o Estado español tiver "a mesma actitude que os partidos cataláns: sentido de país e xenerosidade", indicou. 

Porén, Artur Mas asegurou face as ameazas do executivo de Mariano Rajoy de que "garantirá que a consulta non se celebre" que "os cidadáns serán chamados a votar, dunha maneira ou doutra". Neste senso, salientou que se non for posíbel facelo a través dunha consulta popular a modo de referendo que o farán a través das eleccións ao Parlament fixadas para o vindeiro 2016. E a respeito das ameazas, dixo, "non nos dan medo, se os cataláns fan piña para votar". 

Máis en Països Catalans
Comentarios