Catro ollares sobre os resultados dos comicios cataláns

Catro voces falan para Sermos sobre os resultados electorais e o escenario que se abre agora: Suso de Toro, Susana Amado (ANC), Suso López (da Asociación Cultural Galega en Barcelona) e Alba Nogueira.

votar

Cos resultados aínda quentiños recollemos a opinión de catro persoas de traxectorias distintas para que nos acheguen unha primeira valoración (de urxencia, se se quer) sobre este 27 de setembro.

Suso de Toro: “Catalunya é xa un ente político soberano que negocia de ti a ti co Estado”

O escritor Suso de Toro considera que estas eleccións do 27S veñen sendo a consecuencia lóxica da imposibilidade de facer un referendo ou consulta sobre o futuro de Catalunya. “Esa imposibilidade levou a que houbese que opinar [sobre ese tema] a través dunhas eleccións, que acabaron sendo un plebiscito. E quen gañou as eleccións foron as forzas independentistas”. De Toro engade a Junts pel Sí e CUP os apoios de Catalunya Si que es Pot e PSC para indicar que “máis dun 70% do censo está a prol do dereito a decidir”.

A respeito das consecuencias dos comicios, o escritor di que Catalunya “xa é un ente político autónomo que negocia de ti a ti co Estado”. Non ve a Declaración Unilateral de Independencia (DUI) como a opción máis probábel no novo escenario, mais si que se forme un goberno soberanista “que negociará en nome de Catalunya de ti a ti co Estado”.

De Toro engade a Junts pel Sí e CUP os apoios de Catalunya Si que es Pot e PSC para indicar que “máis dun 70% do censo está a prol do dereito a decidir”

“A famosa república xa está aquí: é a República catalá”, opina De Toro, que como “lección fundamental deste día” tira que “gañou a liberdade”. E engade: “40 anos despois dos fusilamentos polo franquismo de cinco mozos, Catalunya gañou a liberdade para todos os cidadáns do Estado español. Deron todo un exemplo embora as ameazas e coaccións sufridas”.

Tamén convida Suso de Toro a ver as “leccións para Galiza” destes comicios. Apela a superar a situación actual de 'parálise' e a que se afasten os “obstáculos” para facer unha “candidatura cidadá galega e unitaria”. Afirma que na vindeira lexislatura xeral o modelo territorial vai ser o debate fulcral, e que Galiza debe de estar aí. “Queremos crear un poder político propio para Galiza” e por iso a aposta nunha candidatura unitaria galega. “Quen crea que Galiza é unha nación soberana que o diga de vez” e quen aposte en ir “con Podemos e IU, é moi lexítimo”, mais despois de exemplos como os comicios deste domingo, entende que non é a vía para representar Galiza.

Susana Amado: “España fica sen lexitimidade para decidir sobre Catalunya”.

Susana Montesinos Amado é coordinadora da ANC (Assemblea Nacional Catalana) en Galiza. Entende que das eleccións sae “unha mensaxe clara ao mundo: Catalunya ten claro que quere decidir o seu futuro”. Reflexión á que engade que “España non está lexitimada para decidir nada sobre Catalunya”. Esta emigrante catalá en Galiza considera que a alta participación é a mellor mostra “de que o pobo catalán quere decidir”.

“Quen pode dubidar agora que estas eleccións eran plebisicitarias?”

Enmarca a asistencia ás urnas na vaga de grandes mobilizacións que en Catalunya se están a vivir estes anos na defensa do seu dereito a decidir. “Levamos estes anos con moitas xentes defendendo iso nas rúas e tamén defendéndoo nas urnas”. E deixa unha pregunta: “Quen pode dubidar agora que estas eleccións eran plebisicitarias?”. Ao que engade o recordatorio de que os comicios os gañou o independentismo.

Suso López: “Estes comicios deixan moi claro que o modelo territorial saído da Transición está esgotado”.

Emigrado galego en Catalunya, Suso López é, entre outras moitas cousas, membro da Asemblea Cultural Galega de Barcelona (AGCB). Destaca das eleccións deste domingo a “moi alta participación” e considera que dos comicios sae unha conclusión clara: “o modelo territorial saído da Transición está esgotado, para Catalunya mais tamén para o resto das nacións do Estado”. “Estas eleccións son un golpe definitivo a ese modelo territorial, que estaba en crise”.

Chama a atención a que a partir desta segunda feira se abre un escenario interesante pois Junts pel Si non ten maioría absoluta e iso obrigaríalle a procurar o apoio da CUP, que debe decidir que pasos dar. López sostén, ademais, que nestas eleccións había un interpelado principal, “o Estado español”, e que este “non falou, optou polo silencio”.

Sobre Catalunya si que es Pot, Suso López salienta que optou por “colocar a mensaxe social nunhas eleccións onde o eixo era o debate nacional”

Sobre os resultados dos partidos, considera significativo que Ciutadans conseguise ser a forza máis votada en L´Hospitalet, a segunda cidade de Catalunya. Sobre o PSC, recoñece que pensaba que ía levar un batacazo, “mais resistiu e mantivo o tipo no cinturón vermello”. Sobre Catalunya si que es Pot, salienta que optou por “colocar a mensaxe social nunhas eleccións onde o eixo era o debate nacional”, e da auxe da CUP di que “recollen os froitos do traballo feito nestes anos, que foi extraordinario, por exemplo no Parlament, e no que souberon combinar o social e o nacional”.

Alba Nogueira: “Calquera escenario que non sexa un referendo vai cara ao fracaso”

Ao igual que o resto de consultados, Alba Nogueira (profesora de Dereito na USC) destaca a participación nestes comicios, “o que amosa moi ás claras que a xente non pasou do 'tema', que si que lles interesa”. Houbo unha “clara maioría dos partidarios do dereito a decidir de Catalunya”, unha maioría que para Alba Nogueira non está conformada só por JxS e a CUP, senón tamén por “Catalunya Si que es Pot e mesmo os votos de Unió”.

"Hai un maior fracaso dos partidos que actúan máis en chave 'madrileña', dos que tentaron formular isto como un preludio das xerais, PP e Podemos"

No que atinxe ao reparto de escanos, entende que “hai un maior fracaso dos partidos que actúan máis en chave 'madrileña', dos que tentaron formular isto como un preludio das xerais, PP e Podemos". E salienta que as forzas independentistas lograron ter a maioría no Parlament. “Queda claro que seguir en apostas de inmobilismo non leva a ningures, é un erro”.

Alba Nogueira, perante a pregunta de que escenario se abre a partir desta segunda feira, afirma que este debe de pasar por un referendo ou consulta onde as e os cataláns poidan decidir o seu futuro.

Máis en Països Catalans
Comentarios