CARME FORCADELL PRESIDE O PRIMEIRO PARLAMENT CON MAIORíA INDEPENDENTISTA

"Iniciemos o proceso constituínte. Viva a República catalá!"

Carme Forcadell, ex-presidenta da Assemblea Nacional Catalana (ANC), elexida presidenta da Cámara co apoio de 77 deputados, 5 máis que os que suman as formacións independentistas. "Iniciemos o proceso constituínte. Viva a República catalá!" dixo Forcarell no seu discurso.

parlament catalunya
photo_camera parlament catalunya

Hai tres anos, despois da multitudinaria manifestación da Diada de 2012, unha persoa pedía aos deputados do Parlament de Catalunya que iniciasen o proceso cara á independencencia. Esa persoa, Carme Forcarell, presidenta daquela da ANC, é hoxe a presidenta do Parlament. Un Parlament que, por primeira vez na historia de Catalunya, ten clara maioría independentista: 72 deputados de 135. 72 escanos eleitos por formacións (Junts pel Si e CUP) que concorreron a estes comicios coa independencia no mascarón de proa dos seus programas. Fronte a 62 escanos de partidos non independentistas.

No novo Parlamento hai 72 deputados independentistas. Hai cinco anos, os parlamentares independentistas eran 14

Xa que logo, esta undécima lexislatura que comeza agora é a primeira que ten maioría absoluta independentista na Cámara lexislativa. Algo que non se deu nas dez anteriores. Nas primeiras eleccións cataláns (1980) finalizado o franquismo as formacións que levaban a independencia no seu programa atinxiron 14 deputados. Nas seguintes (1984), 5. Na década dos noventa o número de escanos de formacións independentistas bailaba entre os 11 e os 13.

A nova presidenta da nova Cámara logrou 77 votos a prol: os de JpS e CUP (que suman 72) e 5 máis, que os medios cataláns apontan a que procederían de entre os 11 escanos de Catalunya si que es pot. Houbo 57 votos en branco e 1 nulo. Todos os membros do Hemiciclo, agás os do PP e Ciudadanos, aplaudiron no momento da proclamación da nova presidenta. As vice-presidencias recaen en Lluís Corominas (JxSí) e Jose María Espejo-Saavedra (C's), e as secretarías son para Anna Simó (JxSí), David Pérez (PSC), Joan Josep Nuet (CSQEP) e Ramona Barrufet (JxSí).

"Poñámonos a camiñar. Iniciemos o proceso constituínte. Viva a república catalá!" acabou o seu discurso a nova presidenta.

Máis en Països Catalans
Comentarios