Catalunya reivindica a independencia tamén coa súa selección

O amigábel de Nadal diante de Nixeria foi a primeira manifestación de apoio a un estado propio da sociedade catalá este ano que comeza. O partido rematou co resultado 1-1, no último encontro con Johan Cruyff como o seu seleccionador.
Tribuna do Catalunya-Nixeria
photo_camera Tribuna do Catalunya-Nixeria

Catalunya xogou algo máis que un partido o pasado 2 de xaneiro en Barcelona. A situación social e política deste país, despois da magna manifestación da Diada e os resultados das últimas eleccións ao parlamento catalán, albiscaba a primeira concentración de apoio á independencia deste ano que agora comeza. O estadio de Cornellà, con capacidade para 40.000 siareir@s, non se encheu por pouco mais o ambiente foi de festa e reivindicación ao longo dos 90 minutos. Bandeiras e pancartas apuntaban na dirección dunha demanda única: a exixencia de que Catalunya sexa un estado máis da UE a partir do 2014. Unha bandeira estrelada xigante e un cartaz de 150 metros co lema "Catalonia, Europe's next state", creada pola Plataforma Pro Seleccions Esportives Catalanes e a Assemblea Nacional Catalana foron as protagonistas. Tampouco faltou o berro no minuto 17 con 14 segundos, lembrando o ano de ocupación borbónica.

Medios de comunicación como Vilaweb realizaron un seguimento especial deste partido. O seu director, Vicent Partal lembra no editorial que este pode ser o último xogo amigábel da súa selección como "non oficial". Catalunya leva varios anos exixindo a oficialidade e tivo serios problemas despois de que o Estado español obrigase outras federacións a rexeitar a súa participación en competicións oficiais. Para Partal a reivindicación das seleccións, non só a de fútbol, é "un dos moitos factores que remataron por facer masivo o movemento pola independencia".

O partido

O encontro tivo emoción polo axustado do resultado. Catalunya adiantouse no minuto 3 cun gol de penalti de Sergio González, ex-xogador do Espanyol e do Deportivo da Coruña. González, ademais, recibiu unha homenaxe por parte da Federación Catalá de Fútbol e participou dez minutos no encontro. Despois chegou o dominio dos xogadores de Cruyff e o troco de Puyol por unha ferida na cella que levou logo catro puntos. No segundo tempo continuaron as oportunidades para os cataláns como a do minuto 52 nun remate de Jordi Amat. Nixeria reaccionou e conseguiu empatar no minuto 54 despois que Bright, dentro da área, conseguise un forte disparo que foi dentro da portería de Codina. Este foi o marcador final no último partido de Johan Cruyff como seleccionador. Nos anteriores partidos a selección de Catalunya gañara a Arxentina (4-2), Honduras (4-0) e empatara con Túnez (1-1).

Tampouco faltou o berro no minuto 17 con 14 segundos, lembrando o ano de ocupación borbónica

A listaxe de convocados para este partido tivo como incorporación de última hora a do xogador do Deportivo da Coruña Sergio González. En Cornellà estiveron deportistas que xogan en equipos cataláns como o FC Barcelona con Valdés (que non participou por melestias físicas), Xavi, Puyol, Piqué, Busquets, Alba, Montoya, Roberto, Tello e Bartra e o RCD Espanyol con Verdú, Capdevila, García, Casilla, Rodríguez, Sánchez e Tejera. En equipos do resto do estado participaron dous do Rayo Vallecano, Amat e Piti, e un do Getafe, Vázquez. Do resto de Europa viñeron do Milan, Krkic, e do Salzburgo, Sorian.

Por parte de Nixeria Nigèria os convocados foron Agbim Chigozie, Oboabona Godfrey, Benjamin Francis, Fegor Ogude, Kwambe Solomon, Egwuekwe Azubuike, Ideye Brown, Dike Bright, Uzoenyi Ejike, Onazi Ogenyi e Mba Sunday. Tamén xogaron algúns minutos Ahmed Musa, Emenike Emmanuel, Omeruo Kenneth, Uche Ikechukwu, Akpeyi Daniel, Henry Uche, Lawal Raheem, Rabiu Ibrahim e Papa Idris.

Imaxes: Galdric Peñarroja

Máis en Països Catalans
Comentarios